10-M

As centrais sindicais chaman á mobilización no Día da Clase Obreira Galega

CIG convoca mobilizacións en oito comarcas polo 10-M, CCOO fai a tradicional ofrenda floral e mobilización en Ferrol e CUT maniféstase en Vigo.

 

10 marzo dia clase obreira galega
photo_camera Imaxe de arquivo dunha mobilización do 10-M en Ferrol.

Esta terza feira, 10-M, conmemórase o Día da Clase Obreira Galega, data sinalada para o movemento sindical da Galiza e que se instituíu en lembranza de Amador e Daniel, obreiros asasinados en Ferrol tal día de 1972.

Diversos sindicatos convocan actos e mobilizacións para esta xornada. A principal organización sindical da Galiza, CIG,  fai un chamamento a participar nas mobilizacións que ten convocadas en diferentes comarcas baixo o lema Recuperar dereitos para avanzar. Na defensa da Industria e do Emprego en Galiza. A central nacionalista insiste na necesidade de derrogar xa as reformas laborais e das pensións, e reivindica “salarios e pensións dignas”.

CCOO escolleu o lema Memoria de loita e traballo para esta xornada. Comisións Obreiras fará una ofrenda floral perante o monumento a Amador e Daniel (11:30), en Ferrol. Pola tarde, ás 19:00 horas, partirá a manifestación desde o mesmo monumento.

CUT conmemorará o Día da Clase Obreira Galega cunha manifestación nacional que percorrerá as rúas de Vigo baixo o lema Conciencia de clase e nacional na loita sindical. A manifestación partirá ás 19:30 horas do Cruce da Vía Norte. “Pola memoria dos nosos, por Amador e Daniel, asasinados pola policía franquista en Ferrol en 1972 por defender os dereitos laborais e as liberdades de todos e todas!”.

48 anos

“Daniel ía uns dous metros diante miña, co buzo debaixo do brazo. Recibe un tiro e cae dobrado, cara a atrás, diante miña”. Daniel é Daniel Niebla, un dos dous obreiros asasinados (o outro é Amador Rey) na represión policial do 10 de marzo de 1972 contra os traballadores de Bazán que se manifestaban en Ferrol. Quen lembra, Rafael Pillado Lista, dirixente na altura do PCE e CCOO. “En Ferrol había entón, e despois de moitos anos de construción, un movemento obreiro potente, forte e organizado”, sostén. Algo que o franquismo sabía ben e que lle preocupaba.

O responsábel dos servizos secretos franquistas, Coronel Sanmartín, recolle no seu informe El libro rojo de la subversión que entre as zonas perdidas para o réxime de Franco están as minas asturianas, o País Vasco e “Bazán e a Ría de Ferrol”. Pasou case medio século desde aquela.

O 10 de marzo está asentado no calendario de Galiza como o Día da Clase Obreira Galega, en homenaxe a aquelas loitas, aqueles operarios e aquela e esta clase. Este domingo varias mobilizacións percorrerán o noso país da man dos diferentes sindicatos para conmemorar esta data.

Comentarios