Centos mobilízanse na Coruña pedindo “garantías de emprego” nas Pontes

O Delegado do Goberno avanza que o Ministerio de Transición Ecolóxica convocará nas próximas semanas unha mesa de traballo. A representación sindical esixe que Endesa se sente nesa mesa, explique os seus plans e dea alternativas á produción e ao emprego, “porque a planta pode seguir producindo máis alá do carbón”.
Concentración esta segunda feira diante da Delegación do Goberno na Coruña.
photo_camera [Imaxe: @RebelinAluminio] Concentración esta segunda feira diante da Delegación do Goberno na Coruña.

O máis de medio millar de traballadoras e traballadores de Endesa As Pontes, moitos das empresas auxiliares e transportistas que se desprazaron nun cento de camións até A Coruña para manifestarse esta segunda feira diante da Delegación do Goberno, son conscientes de que o proceso de descarbonización é imparábel e mesmo se está acelerando noutros estados da Unión Europea.

A central das Pontes leva cinco meses parada porque os custes pola emisión de dióxido de carbono e a baixada no prezo do gas fan que a produción de enerxía con carbón “non entre prezo”. Endesa, nas Pontes, segue producindo o gas e “parece que aposta polo gas”, explica Alberte Amado, sindicalista da CIG.

Dos plans de Endesa para As Pontes e da capacidade do Goberno español para regular e ordenar a transición a unha produción sen carbón, dependen directa e indirectamente unhas 700 familias e boa parte da economía dunha comarca que durante as últimas catro décadas xirou arredor da térmica.

“É prioritario termos unha reunión con Endesa e implicar á Xunta", dixo Javier Carreiro, de UXT, na concentración na Coruña. "A Xunta ten moito que dicir e o Goberno central ten que mollarse", engadiu José Furtado, de CC.OO. 

“É preciso que Endesa estea nesa mesa, que diga se quere continuar nas Pontes, co gas ou con proxectos que teñan como base a biomasa, ou se vai esperar e pechar”, advirte Amado. No borrador do plan estatal para a loita contra o cambio climático o carbón ten data de caducidade: o ano 2030. “Pero é un borrador, Europa fixou a data do 2035, e xa digo que moitos países están adiantando esa data… Endesa podería seguir operando con carbón, pero o que queremos esixirlle xa é que dea conta dos seus plans”.

A alternativa pasa por unha adaptación da planta a outras materias primas, “malia que Endesa xa dixo que con calquera alternativa os niveis de produción e de emprego serán máis baixos”, apunta o sindicalista. “Se non pode ser a través da mesma planta, pois que se busquen outros proxectos de xeración de enerxía ou industriais para a comarca”.

Na reunión coa ministra Teresa Ribeira, -avanzouna hoxe Javier Losada, o delegado do Goberno na Galiza- as traballadoras e traballadores de Endesa nas Pontes pedirán que o Goberno español ordene “un transición tranquila e en tempo”. Outra cousa son os plans de Endesa que só Endesa coñece.

Comentarios