Centos de mariñeiros marchan na Coruña exixindo a demisión da conselleira e do ministro

Cortaron o tráfico nos accesos á cidade á primeira hora da mañá para despois se manifestar seguidos por 15 furgonetas de anti-disturbios. Afirman que non van parar até atinxir un reparto xusto de cotas de xarda e xurelo para Galiza.

photo_camera Foto:@A3Galicia

Se a quinta feira foi en Vigo, nesta sexta decorreu na Coruña. Dunha punta a outra do país, os mariñeiros do cerco manteñen os protestos e mobilizacións en defensa dun reparto “xusto para Galiza” das cotas de rincha (xarda) e xurelo polo Ministerio de Pesca. Por volta de mil mariñeiros manifestáronse na Coruña, tras cortar de mañanciña os accesos á cidade.

“Non pode ser que Galiza co duplo de barcos que Euskadi vaia pescar a metade que ela. E a conselleira sen dicir nada porque o reparto o fixo o PP en Madrid”

Foi unha marcha na que as reivindicacións dunha cota xusta (Galiza con máis barcos e tripulantes vai ter moito menos cupo de pesca destas especeis que Euskal Herria) deron paso ás exixencias de demisión. De Arias Cañete, ministro, e de Rosa Quintana, conselleira, á quen acusan de non defendelos e de “dicir amén ao que digan en Madrid”. 

Forte dispositivo de anti-disturbios

A marcha de centos de mariñeiros tivo unha 'forte' escolta policial: ducias de axentes da Policía e da Garda Civil e unha quincena de furgonetas. Após o sucedido a quinta en Vigo, con enfrontamentos entre mariñeiros e policías que se saldou con 2 mariñeiros e 5 axentes feridos, as forzas de seguridade optaron por un forte despregamento policial.

Desde finais de 2013 o sector do cerco de Galiza (154 barcos, 1.500 mariñeiros e 5.000 empregos indirectos, segundo a propia asemblea de cerqueiros ) está a desenvolver protestos e mobilizacións contra o reparto dos cupos decidido polo Ministerio. SE ben hai discrepancias sobre a forma da cota (conxunta ou individualizada por barco) no que si que hai unanimidade na frota galega é en denunciar a “vergoña” de kilos que toca a pescar en comparación con outros territorios.

Foto: @Charly_Becks

Comentarios