Primeiro de maio

CCOO e UXT reclaman que a recuperación se reflicta en salarios e emprego

Os dous principais sindicatos estatais manifestáronse conxuntamente en 9 cidades e vilas de Galiza. Vigo foi a máis numerosa delas.

uxt ccoo
photo_camera Imaxe: CCOO

“Tempo de gañar” era o lema que UXT e CCOO escolleron para as mobilizacións conxuntas que este Primeiro de Maio realizaron ambos os dous sindicatos en Galiza. Miles de persoas tomaron parte nas marchas, a máis numerosa a de Vigo, nas que se demandou que a recuperación económica deixe pegada en salarios e emprego.

José Antonio Gómez e Ramón sarmiento, secretarios xerais de UXT e CCOO, sinalaron que este 1 de maio ten que er un “punto de inflexión” para o cambio de políticas laborais e sociais, para alén de afirmar que “se dan as condicións para que a clase traballadora se mobilice” pois, engaden, non está a haber “una redistribución da riqueza”.Porén, ambos desbotan en principio que os seus sindicatos se sumen á convocatoria de greve xeral realizada pola CIG para o 19 de xuño.

CCOO e UXT afirman que é de xustiza que, nesta etapa de recuperación económica, a negociación colectiva reflicta unha mellora substancial dos salarios en xeral e dos máis baixos en particular, con cláusula de garantía para protexer o poder adquisitivo fronte a un aumento excesivos dos prezos dos produtos de consumo. Tamén esixen o aumento dos compromisos empresariais en relación coa estabilidade e calidade do emprego, a redución das desigualdades, a protección da saúde e o investimento produtivo.

Comentarios