1 DE MAIO

CCOO e UGT cargan contra as políticas antisociais do PP

CCOO e UGT congregaron milleiros de persoas nas mobilizacións que convocaron nas cidades do país. Á principal, que tivo lugar en Vigo, asistiron os responsábeis de ambos os sindicatos na Galiza, Xosé Manuel Sánchez Aguión e José Antonio Gómez, respectivamente.

[Imaxe: CCOO Vigo]
photo_camera [Imaxe: CCOO Vigo]

Co lema “Contra a pobreza social e salarial, traballo e dereitos” esta mañá manifestáronse CCOO e UGT, cuxa mobilización principal tivo lugar alí. Alí o responsábel de CCOO na Galiza, Xosé Manuel Sánchez Aguión, acusou o PP de querer “acabar co modelo social” e apelou ao 1 de Maio como un día de “loita”.

O responsábel de CCOO esixiulles aos partidos políticos que “teñan no centro dos seus proxectos a loita contra o desemprego e contra a precariedade dos traballadores pobres. É hora de conquistar dereitos, que gobernen para a maioría social”.

O secretario galego de UGT lamentou “o deterioro social, laboral e de servizos públicos” implantado polo Goberno do PP e advertiu de que os comicios son “unha oportunidade”. Así, instou os traballadores a “non caer no desánimo” e emprazou a toda a cidadanía a votar. Tamén criticou o elevado número de contratos temporais e alertou sobre o desemprego xuvenil. Ademais, pediu a fin da “Lei mordaza” e advertiu de que “levou numerosos sindicais a seren procesados e condenados por defenderen a clase traballadora.”

Comentarios