luns 26/07/21

CCOO denuncia “novas encomendas de xestión fraudulentas” na Xunta

Afirma que a Consellaría de Emprego e Igualdade adxudica un contrato de máis de 210 000 euros para cubrir necesidades estruturais da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Edificio central da Xunta en San Caetano, en Compostela.
Edificio central da Xunta en San Caetano, en Compostela.

A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO (FSC-CCOO) denuncia novas “encomendas de xestión fraudulentas” na Administración galega. Nesta ocasión, o sindicato denuncia a adxudicación dun contrato de máis de 210 000 euros para cubrir necesidades estruturais da Dirección Xeral de Formación e Colocación, que forma parte da Consellaría de Emprego e Igualdade.

Segundo a FSC-CCOO, a encomenda comprende a “colaboración na xestión” de distintas convocatorias de axudas da dita Dirección Xeral, cun prazo de execución de doce meses que comezou o pasado 1 de xullo.

Dada a natureza da encarga, para CCOO “é evidente” que se podería asumir con medios propios e, en caso de se precisar persoal, contratalo mediante as listaxes públicas da Xunta. Se o traballo é estrutural e se vai repetir anualmente, non cabe a encomenda de xestión, agás que sexa “para fuxir dos controis administrativos”, abunda Comisións.

CCOO considera probado que se trata “dun paso máis no impulso da Administración paralela” por parte do Goberno de Núñez Feiixoo

Polo tanto, desde CCOO coidan probado que se trata “dun paso máis no impulso da Administración paralela” por parte do Goberno de Núñez Feiixoo, “que dilapida unha cantidade inxente de recursos públicos para prestar un servizo de peor calidade do que unha prestación directa con recursos propios”.

Por todo isto, CCOO esixe a paralización de todas as “encomendas fraudulentas” que obedecen a tarefas estruturais e que o servizo sexa con persoal propio.

Así mesmo, pide que todos os postos se inclúan nunha oferta pública de emprego e se negocien cos sindicatos os criterios para regular a utilización das encomendas que obedezan exclusivamente a traballos conxunturais que non poida asumir o persoal público.

comentarios