CCOO denuncia que a mutua nega o risco de embarazo ás traballadoras do 061 en Vigo e no Baixo Miño

O sindicato lembra que no servizo traballan un cento de mulleres e afirma que a o labor que realizan pode provocar complicacións no embarazo

Ambulancia

CCOO denuncia que a mutua Fremap do Porriño négalles o risco de embarazo ás traballadoras do transporte sanitario urxente do 061 en Vigo e no Baixo Miño. O sindicato explica que as mulleres representan ao redor dun cento dos case 300 integrantes do servizo, e lembra que “o traballo nunha ambulancia de urxencia implica a exposición a numerosos riscos, o que pode provocar complicacións no embarazo”.

“O transporte sanitario urxente accede a zonas de catástrofes, accidentes ou incendios en lugares con materiais perigosos. Tamén transportan doentes que poden supor un risco infecto-contaxioso, como VIH ou hepatite, ou con doenzas psiquiátricas, en estado agresivo ou baixo efectos de diferentes substancias”.

A isto engade a central que as quendas do 061 son de vinte e catro horas, incluída a nocturnidade, e manipúlanse diferentes cargas, realízanse movementos repetitivos e moitas veces sobre terreos irregulares.

Comisións denuncia que, a pesar de saber todo isto, a mutua nega con carácter xeral o risco de embarazo. “Peor aínda, a algunhas traballadoras foilles concedido, pero a outras non, producíndose unha clara discriminación”.

Comentarios