CCOO anuncia greves en Renfe de non se cubrir as prazas de interventor en Galiza

“Galiza está a ser discriminada”, sosteñen desde o sindicato, que denuncia que só se cobren tres das vinte e cinco vacantes. 

Imaxe de arquivo dun tren de Renfe. (Foto: Europa Press)

O sector ferroviario de CCOO de Galiza advirte da convocatoria de greves en Renfe se a compañía non convoca máis prazas de interventor. O sindicato denuncia que, a día de hoxe, só están cubertas tres das vinte e cinco prazas necesarias para atender todos os servizos ferroviarios no noso país. A central presentou a solicitude de reunión da comisión de conflitos laborais —ao abeiro do convenio— como intento de solución previa ante o anuncio dun conflito. De non se chegar a un acordo para a cobertura das prazas en Galiza, “o conflito está asegurado”. Para o sindicato Galiza está a ser “discriminada”.

En todo o Estado adxudicáronse 103 prazas de interventor, coa seguinte repartición: 32 en Cataluña (31 %), 25 en Madrid (24 %), 23 en Andalucía (22 %) e só tres en Galiza (menos do 3 %)

Segundo o sindicato, o ano pasado circularon en Galiza sen interventor 4.500 trens de servizo público ou media distancia, así como 8.000 trens da rede de ancho métrico (antiga Feve), o que supón deixar de ingresar máis de 300 000 euros anuais.

CCOO prevé que a cifra aumente a medida que non se cubran as vacantes orixinadas polas próximas xubilacións, pois máis de 60 000 persoas ao ano viaxan en Galiza sen título de transporte. Aliás, alerta doutro prexuízo que ocasiona esta práctica: este tipo de viaxeiros non computa para os efectos das estatísticas de ocupación dos trens, nin no paso polas estacións, o contribúe a futuros recortes dos servizos e ao peche de estacións polo suposto descenso da ocupación.

A problemática afecta sobre todo a algunhas liñas convencionais nas que se dá un especial abandono e falta de atención por parte de Renfe: A Coruña-Ferrol, Santiago-Vigo ou A Coruña-Lugo-Monforte-Ourense. Canto aos servizos comerciais ou longa distancia, a empresa está propondo a redución de cargas de traballo en Galiza —pola falta de interventores— a favor doutras comunidades como Madrid.

Comentarios