Cazolada do Consorcio de Igualdade e Benestar no congreso do PPdeG

Feixoo e outros altos cargos do partido "escaparon pola porta de atrás" para esquivar as protestas contra a "temporalidade abusiva".
Protesta contra o "abuso da temporalidade" no sector (Foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta contra o "abuso da temporalidade" no sector (Foto: Nós Diario).

Decenas de traballadores e traballadoras temporais do Consorcio Galego de servicos de Igualdade e Benestar e doutros organismos da Xunta mobilizáronse na mañá deste sábado fronte ao Multiusos Fontes do Sar de Compostela, onde decorreu o 17º congreso do PPdeG, cunha sonora cazolada.

O motivo da concentración era "dar visibilidade" á súa problemática laboral e exixir á Administración unha solución.

"A CNT ten como obxectivo regularizar a situación de todas as traballadoras temporais en fraude de lei e abuso de temporalidade independentemente da forma de acceso ao seu posto, no caso particular das traballadoras do Consorcio, toda vez que a Xunta vén de incluír a práctica totalidade das súas prazas na Oferta Pública de Emprego (OPE) publicada a finais de 2020", informou o sindicato, a través dun comunicado.

A ruidosa protesta prolongouse por volta de tres horas con berros de "Feixoo, escoita, tes o Consorcio en loita", "non ao ERE de mulleres" ou "a nosa consellaría que a leve quen a queira". Os altos cargos do Partido Popular, entre eles o presidente Alberto Núñez Feixoo, "escaparon pola porta de atrás" para esquivar a manifestación.

"Intento de coartar a protesta"

Desde a CNT indican que a Delegación do Goberno estatal na Galiza "revogou na véspera o permiso para cortar o tránsito" nas inmediacións do pavillón, alegando que se debía "garantir o acceso ás instalacións deportivas e o paso do transporte público".

Para esta forza sindical, trátase dun "intento de coartar a protesta", un xesto que valorou como un "guiño político entre dous partidos que teñen a responsabilidade de solucionar o problema da temporalidade abusiva no sector público".

O calendario de mobilizacións do persoal temporal do Consorcio continúa aberto e iranse sumando novas protestas para tratar de "atopar solución á temporalidade estrutural do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e dotar de estabilidade no emprego ao seu cadro de persoal actual".

Comentarios