Na Galiza, case 7 de cada 10 moz@s teñen un contrato temporal

Segundo o IGE a taxa de temporalidade situouse en 2013 no 68,3% para as persoas entre 16 e 24 anos.

Desemprego xuvenial

A temporalidade laboral atinxe de cheo a mocidade galega. Segundo a enquisa publicada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) en relación ás persoas asalariadas segundo o tipo de xornada e contrato o 68,3% das persoas entre 16 e 24 anos conta cun traballo temporal. É dicir, case 7 de cada 10. 

De acordo co estudo publicado trátase da faixa de idade con maior taxa de temporalidade laboral pois para aquelas persoas situadas entre os 25 e os 55 anos a porcentaxe descende de maneira notábel situándose no 22,7% en 2013. 

En Galiza, entre as persoas menores de 25 anos o desemprego é do 49,9%

A tendencia nos últimos anos foi crecente para este grupo de idade. Neste senso, en 2009 o 62,87% das persoas máis novas en idade de traballar que estaban dadas de alta como asalariadas contaba cun contrato temporal alcanzando o 66,8% en 2011. Coa entrada en vigor das reformas laborais aprobadas polos gobernos do PSOE (2011) e do PP (2012) a taxa de temporalidade incrementouse pasando do 64,56% (2012) ao 68,3% (2013). 

Así as cousas, a cifra máis alta atópase en 2006 co 73,02%, froito das cifras de emprego que se manexaban naquela altura, substancialmente máis elevadas que as actuais. Hai nove anos a taxa de desemprego situábase en Galiza no 7,28% --de acordo cos dados da EPA publicados en novembro de 2006. Na actualidade no noso país este indicador sitúase no 20,25%, isto é, 258.300 persoas non teñen traballo segundo a EPA do terceiro trimestre de 2014.  

Na Galiza, entre as persoas menores de 25 anos o desemprego é do 50%. No 2006 era do 17,8%.

Comentarios