Case 400 empresas presentaron expedientes de regulación temporal de emprego na Galiza polo coronavirus

Desde o sábado e até a terza feira.

Operarias nunha carpinteiría industrial

Na Galiza había esta terza feira, 17 de marzo, máis expedientes de regulación temporal de emprego presentados (386) que casos rexistrados de coronavirus (305). Son miles os traballadores e traballadoras afectadas polos ERTEs. Case 400 empresas, desde o sábado, día da declaración do estado de alarma, solicitaron ante a administración o inicio destes expedientes. En concreto, foron 386.

A cifra supera a que manexaban algúns sindicatos, como Comisións Obreiras, que esta terza feira cifraba provisionalmente en “máis de 120” as empresas que solicitaran iniciar este tipo de expedientes de regulación de emprego na Galiza. Xa a nivel de Estado español, UGT falaba de até un millón de persoas asalariadas que na primeira semana poderían verse afectadas por estas medidas.

Desde a CIG criticaron “a fórmula de fomentar os ERTEs coas modificacións introducidas, baseándose no articulado dunhas reformas laborais, xa de por si lesivas, e actualizar os elementos máis perversos destas reformas a través desta vía, parécenos inaceptábel e irresponsábel”, e advirte que “non se van impedir así os despedimentos que xa se están producindo, por moito que se presenten os ERTEs ou reducións de xornada como fórmula para evitalos”.

A crise sanitaria do coronavirus ten unha vertente económica cuxo impacto esá aínda por medir. Entre as empresas galegas que activaron un ERTE está Adolfo Domínguez. A firma galega de moda vén de anunciar o feche das súas tendas físicas no territorio español e a activación dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) para as 728 traballadoras dos seus puntos de venda físicos.

Comentarios