INFORME DA CIG SOBRE O MERCADO DE TRABALLO NA GALIZA

Máis de 177.000 traballador@s galeg@s cobran 150 euros ao mes

Máis de 177.000 galeg@s traballan por menos de 1.872 euros anuais, o 18,2% das persoas asalariadas que hai no país. Un dado que recolle o sindicato nacionalista nun estudo no que se eleva a taxa de paro real no noso país ao 35%. "Estamos en situación de emerxencia nacional".

Consulta nunha oficina de emprego
photo_camera Consulta nunha oficina de emprego

Hai 177.000 persoas en Galiza que están a traballar por 150 euros ao mes, o que supón case o 18,2% (case dous de cada dez) d@s asalariad@s que hai no noso país. Esta cifra foi ofrecida pola CIG na presentación do seu informe sobre o Mercado de Traballo, un completo estudo no que se indica que estas 177.000 persoas deberían computar na realidade como se estivesen no desemprego. “Estas traballadoras e traballadores figuran como ocupadas e como tal son consideradas nas estatísticas e nas listaxes da Seguridade Social mais, realmente podemos consideralas como tal?”, preguntábase Natividade López, responsábel do Gabinete de Economía da CIG.

Emigración

A responsábel do Gabinete fixo especial fincapé na grave perda de poboación en Galiza que descendeu desde 2007 en 22.700 persoas e só en 2014 en 13.700. Unha situación que se agrava tendo en conta que entre a poboación de 16 e 55 anos hai 93.200 menos de media do que en 2007, mentres que a partir desa idade aumentou en 70.500 persoas. 

Miguel Malvido: “A situación é de emerxencia nacional, os sectores produtivos están esfarelados e perdemos emprego, ou cambiamos o goberno ou arruínan este país”

Sinalou que en 2014 só en Galiza e outros dous territorios do EStado diminuíu a poboación ocupada. Esa redución foi do 0,8%, o que equivale a aproximadamente 8.400 ocupad@s menos. “Se comparamos con 2007, ano antes do inicio da crise, onde en Galiza se estimaban 1.193.300 ocupados/as, estamos falando dunha perda de 195.300 postos de traballo, un 16,3%”, matizou.

Empeoramento das condicións

Dos datos da EPA de 2014, López Gromaz salientou tamén que o pouco emprego que se creou entre a poboación asalariada foi todo temporal e que, xunto a isto, descendeu o número de asalariad@s con contrato indefinido, co cal se produciu un medre da taxa de temporalidade. “Os datos son ademais moi elocuentes porque evidencia que non só medran os contratos temporais, senón que a súa duración é moi escasa. De feito, o 36,2% duran menos de 6 meses.”

"Emerxencia nacional"

Diante desta situación, o secretario confederal de emprego da CIG, Miguel Malvido, alertou de que “estamos en situación de emerxencia nacional, os sectores produtivos están esfarelados e perdemos emprego. Ou cambiamos o goberno ou arruínan este país”.

Comentarios