Carteiros rurais demandan a suba conxelada por poñer vehículo

Representantes da CIG-Correos concentráronse esta quinta feira diante da dirección territorial da operadora de servizo postal e paquetería para denunciar que 'O Correo rural pagámolo co noso xornal'.

Reparto de correo no Deza (Rafael Igrexas)
photo_camera Reparto de correo no Deza (Rafael Igrexas)

Traballadoras e traballadores de correos no rural concentráronse esta quinta feira diante da dirección territorial da operadora de servizo postal e paquetería convocados por CIG-Correos para denunciar que “O Correo rural pagámolo co noso xornal” e demandar o incremento do complemento que perciben as e os carteiros rurais por aportar o seu vehículo particular para facer os repartos, que está conxelado desde 2011.

«Cobramos 0,23 céntimos por quilómetro e non se revisou desde o 2011», explica a Sermos Galiza Rafael Igrexas, carteiro rural. Para realizar este servizo non contan con facilidades e denuncian que «coa situación dos camiños rurais cada dez anos temos que mudar de coche». Unha parte dese importe ten que ir para o IRPF e ás veces teñen que realizar traxectos máis longos para suplir as baixas que a empresa non contempla. «Levamos así desde que Feixoo transformou Correos nunha S.A.», sinala Igrexas.

Este colectivo reduce cada ano o seu poder adquisitivo polo aumento anual do IPC e a continua suba dos prezos dos carburantes, mecánicos e seguros.

Un de cada tres carteiras e carteiros traballa no rural na Galiza, cando no resto do Estado español é un de cada oito. O servizo chega ao 40% da poboación galega que é a que vive fóra das zonas urbanas.

Comentarios