'Carbón' para as térmicas que non defendan o emprego

A CIG propón retirar os dereitos sobre a capacidade de evacuación ás eléctricas que fechen centrais térmicas e non ofrezan alternativas industriais nin garantías de emprego nos concellos onde se asentan. 
Traballadores diante da central das Pontes (Foto: CIG).
photo_camera Traballadores diante da central das Pontes (Foto: CIG).

O fechamento das centrais térmicas das Pontes e Meirama (Cerceda) obrigará a reasignar os dereitos de evacuación á rede eléctrica en mans de Endesa e Naturgy, respectivamente. O Ministerio para a Transición Ecolóxica está a traballar o proxecto sobre a futura regulación dos procedementos e requisitos para a concesión deses accesos de evacuación, e a CIG xa fixo a súa achega ao mesmo. 

A proposta da central sindical consiste en impedir que as eléctricas que fechan térmicas "sen ofrecer garantías de continuidade dos postos de traballo" (tanto da principal como das industrias auxiliares) poidan manter a capacidade de evacuación á rede que actualmente teñen asignada, nin tampouco poidan acudir ás poxas de enerxía renovábel. 

Segundo explican desde a CIG nun comunicado, este impedimento manteríase até que as empresas e a representación do cadro de persoal logren unha solución laboral e industrial para os concellos onde se asentan as centrais que fechan.

A este respecto, Paulo Carril, secretario xeral da CIG, subliña que, unha vez clausurada a planta de Meirama e feita a solicitude oficial de fechamento das Pontes, "é indecente que Naturgy e Endesa pretendan seguir gozando destas concesións no seu beneficio, e aproveitar os puntos de evacuación que teñen asignados polas térmicas para dar saída á enerxía dos parques eólicos que ambas as compañías queren construír, cando non ofreceron alternativas industriais nin garantías de emprego", denuncia.

De igual modo, a CIG entende que deben primar aquelas solicitudes que teñan como base a implantación de proxectos nos municipios afectados polo cese da actividade das térmicas que permitan a continuidade dos postos de traballo e a creación de novos empregos de carácter permanente.

Ademais, a central sindical considera que a valoración dos proxectos debe facerse a través dos Convenios de Transición Xusta, con participación das entidades públicas e dos axentes sociais que teñan condición de máis representativos nese territorio. E para garantir o cumprimento efectivo destes compromisos por parte das compañías licitadoras e a viabilidade das propostas, apostan na participación pública no capital social dos devanditos proxectos industriais.

Comentarios