Unha caravana de vehículos pide levantar o veto ao lecer nocturno en Compostela

Representantes da hostalaría de Compostela levaron ás súas protestas ante a Xunta. En Ourense critican o "atroz" das medidas do Executivo galego e do Concello.
Caravana de coches do colectivo de lecer nocturno de Compostela ante San Caetano (Foto: Arxina).
photo_camera Caravana de coches do colectivo de lecer nocturno de Compostela ante San Caetano (Foto: Arxina).

O sector do lecer nocturno compostelán saíu hoxe ás rúas da capital para reclamar ao Goberno galego que dea marcha atrás e que permita a reapertura inmediata dos seus locais, afectados polas restricións da Covid-19.

Mais para a súa protesta, lonxe de manifestarse ás portas de San Caetano, optaron por formar unha caravana de vehículos ao redor das instalacións da Xunta e acompañala dunha sonora pitada en denuncia polo que consideran a criminalización destes locais.

Foron medio cento de vehículos os que partiron de San Lázaro e rodearon en varias ocasións os edificios da Administración en San Caetano, todos eles portando bandeiras ou lazos negros e carteis co lema 'Basta xa', co que advirten da crise que viven tanto as empresas como as traballadoras e os traballadores do sector.

En declaracións aos medios, Sergio Fernández, da Asociación Hostalaría de Compostela e da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas, instou a Xunta a retirar o decreto do 15 de agosto que obriga ao feche destes estabelecementos, sometidos a unha "inviabilidade económica" por un paro "indiscriminado". 

Nesta liña, chama "a toda a hostalaría" a saír á rúa "a protestar e reivindicar" o seu dereito ao traballo para instar a dar marcha atrás a un "feche indiscriminado, sen motivo nin razón". Indican que o virus "non sae a certas horas, máis de noite que de día" e insiste en que estes estabelecementos respectaron "todas as pautas hixiénicosanitarias de forma estupenda".

No seu defecto, solicitan que se impulse unha liña de axudas directas cunha folla de ruta clara e concisa que permita compensar os gastos fixos, como alugueiro, luz, auga e, ante todo, o mantemento do emprego.

Tamén en Ourense

En Ourense, a hostalaría sumouse ás protestas, neste caso por un confinamento que cualifican de "atroz".

O acto, que tivo lugar na Praza Maior e que foi convocado polas asociacións Véxote en Viños e Ahrou, serviu para criticar unhas restricións qu non son "xustas" e tampouco "eficaces", senón "atroces" para un colectivo cuxo fechamento,  avisan, "arrastra" outras empresas.

Por iso, reclaman a comprensión do Goberno galego e do Concello de Ourense, a quen  piden que "abra a man" cunha maior ampliación das terrazas.

Comentarios