“Cando unha empresa concesionaria da Xunta non cumpre cos traballadores, esta tamén é responsábel”

Falamos con Inácio Pavón, da CIG, sobre a greve en  Ambuibérica, a concesionaria do servizo do transporte sanitario urxente do 061. Unha empresa dun ex-alcalde e deputado do PP que se está a facer, denuncian, con gran parte do mapa de ambulancias da Galiza.

ambulancias greve cig
photo_camera Imaxe: CIG

Os traballadores de Ambuibérica,  concesionaria do servizo de transporte sanitario urxente do 061 na Costa da Morte, Compostela-Barbanza e Baixo Miño, están convocados a dúas xornadas de greve. Falamos con Inácio Pavón, da CIG, sindicato convocante do protesto que decorre o 21 e 23 deste mes para pedir que a empresa cumpra co convenio, como fan outras empresas máis pequenas.

- Por que se chega á decisión de convocar dúas xornadas de greve?

- Cando en decembro hai o cambio de contrata do transporte sanitario urxente faise cunha parte importante do lote unha empresa dun ex-alcalde e ex-deputado provincial do Partido Popular en Castela-León, Carlos Magdanelo. Unha empresa que concursa cunha oferta dun 7% por baixo da proposta, o que é 'ir a perdas', con rebaixas nos lotes que agora queren pagar con recortes aos traballadores. Esta empresa, Ambuibérica, está ademais a mercar pequenas empresas como Ambulancias do Salnés, Ambulancias de Pontevedra, Ambupadrón... co que está a centralizar o sector nas súas mans.

- Esa centralización é prexudicial?

- O que fai é concentrar para rebaixar as condicións laborais, equiparándoas por abaixo. Hoxe é a concesionaria con maior peso en Galiza no servizo de transporte urxente. Un peso que aínda vai aumentar cando se faga pública a concesión dos servizos programados non urxentes. Estaba previsto que se abrira o sobre a semana pasada,mais decidiron adialo. A decisión de convocar a greve vén porque non se cumple o convenio, nin en salarios nin en horas traballadas.

- Algo que denunciades é que esta empresa que acaba de desembarcar en Galiza é vella coñecida por ter diversos conflitos laborais noutros territorios

- O Tribunal Supremo condenouna a pagar 37 millóns de euros por non subrogar o persoal en Castela-A Mancha. Foi condenada por represión sindical en Cantabria e ten conflitos en Euskal Herria. En Aragón tivo unha sanción de 300.000 euros por facturar viaxes falsas, algunhas delas de persoas falecidas... Son exemplos que nos permiten ver de que tipo de empresa estamos a falar. Ambuibérica opta ás concesións en Galiza ofrecendo abaratar os servizos, mais iso faino a costa dos traballadores, con baixos salarios e exceso de horas.

- Insistides na responsabilidade da administración, que opta por se poñer de canto neste conflito

A administración é responsábel. Ten que obrigar a que as empresas que traballan para ela a través de contratas, cumpran. Non poden poñerse á marxe, pois a empresa recibe diñeiro público, da administración, polo servizo. Teñen que garantir que se cumpran as condicións laborais e a prestación do servizo coa maior calidade posíbel.

A maioría das novas contratacións que se fan son en prácticas,con xente que facendo as mesmas xornadas que os outros cobran só 700 ou 800 euros, e con quendas de 24 horas. Non dicimos que non se fagan contratos en prácticas, pero teñen que regularse e teñen que ter un límite.

Comentarios