Campaña de mobilizacións por unha “transición xusta” no sector dos carburantes e biocarburantes

A CIG considera que fabricación de combustíbeis ten que ser superada mais, di, “non a costa de cadrarlle ás contas ás empresas mentres se destrúen miles de empregos e se deixan comarcas enteiras na desertización industrial”.

Refinaría de Repsol na Coruña (Foto: Europa Press).
photo_camera Refinaría de Repsol na Coruña

A CIG anuncia un calendario de mobilizacións para esixir unha “transición enerxética galega xusta” no sector dos carburantes e biocarburantes e que garanta, no marco do proceso de descarbonización da economía, “a posta en marcha de alternativas de reindustrialización e creación de postos de traballo nos territorios afectados”.

A central nacionalista sinala nun comunicado que así dá continuidade á mobilización realizada o pasado 2 de xullo diante da Delegación do Goberno na Coruña, durante a que se rexistrou un escrito dirixido á ministra Teresa Ribera solicitando do MITECO que elabore un plan de actuación encamiñado a fixar as bases dunha transición xusta no sector, “sempre respectando as competencias autonómicas”. Solicitude, informan desde a CIG, da que até agora non houbo resposta.

A CIG entende que ese plan de actuación -que debe contar coa participación das centrais sindicais máis representativas e doutros axentes implicados- ten que contemplar medidas para a transformación das refinerías en biorefinerías; a transición cara aos biocombustíbeis de segunda xeración, con materias primas sostíbeis e buscando as sinerxías con outras industrias coa elaboración de subprodutos; e unha aposta polos biocombustíbeis como combustíbeis de transición na mobilidade até que se alcancen os obxectivos marcados para a mobilidade eléctrica.

Xunto a isto, defende que non se conceda ningún tipo de fondos públicos, nin se outorgue autorización, concesión e adxudicación de MW a aquelas empresas do sector afectado, que non garantan a continuidade do emprego.

A CIG lembra que o sector de carburantes e biocarburantes ten un importante peso en Galiza pero pode quedar fóra do cambio enerxético verde, pola inexistencia de políticas, tanto por parte do goberno español como da Xunta

Este plan de transición ten que ser aprobado no prazo máximo de tres meses desde a aprobación da Lei de Cambio Climático para ser eficaz, incide o sindicato; e de modo paralelo ten que constituírse unha mesa de traballo na que abordar os cambios a acometer no sector de maneira que a reconversión non sexa unha demolición “e evitar repetir o que está acontecendo nas Pontes ou Meirama ou noutros sectores industrias do noso país, onde se impulsan cambios de modelo enerxético sen formular alternativas”.

A CIG lembra que o sector de carburantes e biocarburantes ten un importante peso en Galiza pero pode quedar fóra do cambio enerxético verde, pola inexistencia de políticas, tanto por parte do Goberno español como da Xunta.

A CIG considera que fabricación de combustíbeis ten que ser superada mais, di, “non a costa de cadrarlle ás contas ás empresas mentres se destrúen miles de empregos e se deixan comarcas enteiras na desertización industrial”

Concentracións

·       26 de novembro, ás 14:45h, diante da refinería de Repsol na Coruña.

·       2 de decembro, ás 14:45h, diante da planta de Vertex Bioenergy de Curtis.

·       9 de decembro, ás 10:00h, na planta de Masol Iberia Biodiésel de Ferrol.

Comentarios