As camareiras de piso queren varrer a precariedade

É outra das caras da moeda do turismo. A clientela apenas repara nelas, pero o labor das camareiras de piso é fundamental. Entre 2.500 e 3.000 mulleres traballan na Galiza limpando hoteis, pensións ou albergues. O ritmo do día a día e a fraxilidade da súa situación provocan nas mulleres doenzas físicas, estrés e ansiedade. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 311 de Sermos Galiza.

[Imaxe: Raquel C. Pérez] Concentración das kellys no Toural
photo_camera [Imaxe: Raquel C. Pérez] Concentración das kellys no Toural

5Representan até un terzo do cadro de persoal dun hotel. A clientela apenas repara nelas, pero o labor das camareiras de piso é fundamental. Entre 2.500 e 3.000 mulleres traballan na Galiza limpando hoteis, pensións ou albergues. Realizan un gran esforzo físico. Desde a reforma laboral de 2012 as súas condicións empeoraron e a externalización do servizo déixaas fóra dos convenios colectivos. En 2016 naceu a asociación Las Kellys, “As que limpan”, con federacións no Estado. No país o colectivo trata de asociarse, facendo fronte ao medo. O 25 de agosto concentráronse en Compostela para berrar polos seus dereitos.

A fin das externalizacións é unha das demandas das kellys. As empresas subcontratadas aplican convenios propios, non os de hostalaría, e reducen os salarios até un 25%. “Quen está gañando?”, pregúntase Isabel Montenegro, veterana do sector, “danme máis carga de traballo para que a empresa externa gañe”. “Moitos destes convenios”, di Roberto Alonso, secretario nacional de negociación colectiva de CIG-Servizos, “estanse a tombar nos xulgados”. “A rotación de persoal é alta”, engade, “cunha baixa profesionalización”. “A externalización é unha vantaxe”, defende César Ballesteros, presidente da Federación de Hostalaría de Pontevedra, “ao pagar pola limpeza de cada cuarto”. Admite que se poden dar “casos de abusos nas empresas de servizos, pero os seus convenios remataranse equiparando cos de hostalaría”. O Goberno central anunciou a súa intención de modificar o Estatuto dos Traballadores para facelo obrigatorio. Ballesteros foi dos primeiros en externalizar a limpeza no seu hotel, o Bahía de Vigo, tras despedir o cadro de persoal. “Era necesario para que a empresa sobrevivise”. Asinou primeiro con Alliance Outsourcing, logo con Nortempo. Estalou entón o conflito coas traballadoras e a CXT, que acusou a Nortempo e o hotel de non subrogar as camareiras de Alliance. Ballesteros di que o hotel “non é responsábel”. Víctor Delio Bilaboa, secretario de acción sindical da CXT, sinala que se incumpre a normativa laboral e salienta que “as traballadoras deben ser subrogadas”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 311 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios