Calendario de mobilizacións na defensa do emprego e a actividade en Alcoa

A asemblea de traballadores e traballadoras da planta de San Cibrao aprobou iniciar unha vaga de protestas: concentracións semanais, marchas, manifestacións, unha mobilización en Madrid e xestións en busca de apoios institucionais

alcoa
photo_camera alcoa

Unha concentración esta sexta feira, día 13, no Castelo, nas proximidades do acceso á factoría de Alcoa en San Cibrao, de 14:00 a 14:30 horas, dará o sinal de inicio ao calendario de mobilizacións aprobado polos traballadores e traballadoras desta planta contra o seu fechamento. En principio, esta concentración repetirase todas as sextas feiras no mesmo lugar e horario todas as sextas feiras.

Un calendario para enfrontar “o momento máis perigoso para a continuidade da fábrica en 40 anos de historia”, segundo o comité de empresa, e que incluirá concentracións semanais, marchas, manifestacións e mesmo unha mobilización en Madrid. Acordouse, así, facer unha marcha en Lugo até a Subdelegación do Goberno para entregar un escrito solicitando unha xuntanza coa ministra de Transición Ecolóxica, ao tempo que se convocará unha manifestación central na Mariña e unha concentración en Madrid coincidindo cunha data sinalada (pleno de investidura do Goberno, primeiro Consello de Ministros e Ministras...). 

Paralelamente, levarán a cabo distintas xestións en busca de apoio institucional ás súas reivindicacións e ás mobilizacións, comezando pola presentación dunha moción na Deputación de Lugo reclamando das institucións a urxencia dunha solución para a industria do aluminio. Tamén convocarán os alcaldes e alcaldesas, e as corporacións municipais da Mariña para demandarlles o seu apoio e colaboración nas protestas e entregarlles mocións solicitando unha solución por parte do Goberno central.

Segundo denuncian dende o comité, a ausencia dun goberno central -o único con competencias para solucionar o problema da enerxía- e a probábel repetición das eleccións “alonga no tempo a agonía e achéganos moito máis á posibilidade de que Alcoa dea o seguinte paso na súa estratexia de lograr un prezo competitivo na enerxía ou pechar todas as súas instalacións do Estado”. 

Con todo, lembran que a modificación do marco tarifario debe, segundo palabras da propia dirección “ complementarse co CO2, a interrompibilidade, os contratos bilaterais e algunha proposta a maiores porque din que a proposta de Estatuto que coñecen non chega”.

A industria do aluminio é unha industria con moito futuro, “e esta unha das fábricas que se considera entre as máis eficaces do mundo”, así como que o produto que fabrica é o de maior calidade, tanto en Alúmina como en Aluminio.

Comentarios