Reforma das pensións: Escrivá propón elixir entre un cómputo de 25 anos e outro de 29

O ministro de Seguridade Social convoca unha reunión urxente con sindicatos e patronal para trasladarlles o acordo alcanzado entre os socios de goberno e que conta co aval de Bruxelas.
A pensión media das persoas galegas xubiladas é 15,39% inferior á do conxunto do Estado. (Foto: Europa Press)
photo_camera A pensión media das persoas galegas xubiladas fica á cola do Estado español. (Foto: Europa Press)

O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións vai propor esta sexta feira aos axentes sociais unha serie de mudanzas no período de cómputo da pensión para que se calcule ben cos últimos 25 anos cotizados, ben con 29 anos de cotización, dos que se poderán excluír os dous peores, polo que na práctica o cómputo neste segundo caso sería de 27 anos. A Seguridade Social ofrecerá a cada pensionista ambas as posibilidades, malia que aplicará a que resulte máis vantaxosa para a persoa que se xubile.

Esta nova proposta, que conta co aval de Bruxelas e de Unidas Podemos, distánciase da que o Ministerio presentou no arranque da negociación cos axentes sociais hai uns meses e que provocou o rexeitamento tanto do seu socio de goberno como de sindicatos e empresarios. Aquela primeira proposta do Executivo prevía ampliar o período de cálculo da pensión desde os 25 anos actuais a un total de 30 anos, excluíndo os dous peores anos de cotización, co que a pensión se calcularía cun total de 28 anos cotizados.

A nova proposta que levará hoxe á mesa de negociación é máis suave, pois permitirá elixir entre o que xa hai —últimos 25 anos de cotización— ou utilizar un período de cómputo de 29 anos, eliminando os dous peores anos cotizados. É dicir, que o período de cálculo ficará en 25 anos se non resulta máis beneficioso tomar un total de 27 anos —29 anos menos os dous peores—.

O obxectivo desta segunda opción é que aquelas persoas con carreiras laborais máis volátiles, por exemplo despedidas ao final da súa vida laboral, non vexan mermada a súa pensión por recibir menores ingresos nos seus últimos anos en activo.

"Empurrón" á reforma nas últimas horas

O Goberno estatal deu un "empurrón" nas últimas horas á segunda pata da reforma das pensións tras fechar con Bruxelas e Unidas Podemos o acordo sobre o seu contido que esta mesma sexta feira presentará aos axentes sociais nunha reunión convocada a partir das 12.30 horas no Ministerio do que é titular Escrivá.

Segundo confirmaron á axencia Europa Press fontes da negociación, PSOE e UP conseguiron fechar a última hora desta quinta feira un acordo para esta segunda fase da reforma, que seguirá ás tres anteriores xa materializadas e comprometidas no Plan de Recuperación: a reforma que revaloriza as pensións co IPC, a que modifica o Réxime de Traballadores Autónomos (RETA) para que coticen polos seus ingresos reais e a que impulsa os plans de pensións de emprego.

"Alcanzamos un acordo para protexer as pensións e reforzar o carácter redistributivo do sistema. Farémolo incrementando os ingresos que achegarán as empresas polos salarios máis altos e protexendo máis as pensións máis baixas. Esta reforma reforza as pensións máis baixas, que afectan especialmente as mulleres. Para iso melloramos a cobertura das lagoas de cotización que se derivan da inestabilidade laboral", celebrou esta mañá a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

Tras o 'si' de Bruxelas e Podemos, agora só falta que a reforma de pensións reciba o visto e prace de CCOO, UXT —sindicatos—, CEOE e Cepyme —patronais—. Os axentes sociais pediran a Escrivá que antes de presentarlles a súa proposta de reforma estivese "seguro" de que esta terá suficiente apoio parlamentario para a súa aprobación.

"Non podo anticipar os elementos [da reforma] porque teñen que coñecelo primeiro os axentes sociais, pero basicamente é o fechamento do sistema, da sustentabilidade completa do sistema", apuntaba esta quinta feira o ministro. Escrivá tamén adiantou que o que se proporá nesta xuntanza "é un esquema alternativo, sostíbel, razoábel e críbel, co aval de institucións independentes potentes".

Comentarios