Cae a contratación de maiores de 45

A contratación de persoas maiores de 45 anos descendeu na Galiza 67%, 11 puntos máis da media do Estado español.
Unha muller nunha oficina de emprego (Europa Press).
photo_camera Unha muller nunha oficina de emprego (Europa Press).

A crise sanitaria e económica derivada da COVID-19 está a afectar con desigual intensidade aos diferentes colectivos profesionais. A situación das persoas autónomas, que até o de agora seguen sen contar con axudas directas por parte da Xunta da Galiza para salvaren os seus negocios, é por todas coñecida. O mesmo acontece coas traballadoras da hostalaría ou negocios vinculados ao turismo. 

Pero, ademais destes, hai un grupo de poboación que tamén está a pagar as consecuencias da actual situación de crise. Trátase das persoas maiores de 45 anos, que o pasado mes de abril viron como a súa contratación descendeu 67% na Galiza en comparación con mesmo mes do ano anterior, segundo un estudo elaborado por Randstad con datos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

No seu informe, a empresa de recursos humanos destaca que o esborralle da contratación no país é 11 puntos maior que no conxunto do Estado español, onde a media da caída das contratacións situouse en 56%. Isto supón que se deixaron de asinar preto de 14.700 contratos na Galiza, ao pasar de 21.880 de abril de 2019 aos 7.185 actuais.

No que atinxe á tipoloxía dos contratos asinados na Galiza polas persoas maiores de 45 anos, Randstad percibe unha caída da contratación indefinida de 59,1%, con 812 contratos formalizados en abril fronte aos 1.986 asinados no mesmo mes de 2019. Deste xeito, o seu peso en relación ao total de novas altas redúcese até 11,3%. Pola súa banda, o descenso na contratación temporal é máis acusado. Dos 19.894 contratos asinados hai un ano pasouse aos 6.373 de abril, o que representa unha caída de 68%. 

No conxunto do Estado español, o sector no que máis se resentiu a contratación de persoas maiores de 45 anos pola COVID-19 foi o de servizos, cunha baixada de 71,7%. No extremo oposto, o menos afectado foi o da agricultura, no que o descenso foi de  11,7%.

Comentarios