Seguen con "prognóstico reservado" os dous feridos graves pola caída do palco do Son do Camiño

Varias persoas quedaron atrapadas após o derrubamento dun dos escenarios do recinto por causas aínda descoñecidas.
Así quedou o escenario derrubado.
photo_camera Desprazáronse varias ambulancias ao lugar. (Foto: Nós Diario)

Fontes do 112 Emerxencias da Galiza veñen de confirmar a Nós Diario a caída do palco do festival O Son do Camiño, no monte do Gozo de Compostela.

"Recibimos o aviso contra as 12.30 horas e avisamos os servizos de emerxencias, sanitarios, a Garda Civil e a Policía", explicaron, logo de caer a estrutura durante a montaxe da mesma.

Ao lugar desprazáronse varias ambulancias e equipos medicalizados. O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, que se desprazou ao lugar, informou de seis traballadores feridos, dous en estado grave e catro leves. Entre 20 e 30 traballaban no palco no momento da caída.

Un operario foi hospitalizado en estado grave

Catro operarios foron trasladados ao Hospital Clínico de Santiago e dous deles están a ser atendidos na UCI. Aliás, os outros dous deriváronse ao Hospital da Rosaleda, tamén na capital galega. A organización do festival publicou un comunicado pasadas as 15 horas no que explica que os dous traballadores en estado grave seguen "con pronóstico reservado".

Nestes intres hai persoal do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) e de Inspección de Traballo investigando as causas do incidente.

Aliás, desde a Xunta da Galiza informaron de que o escenario caeu por "algún fallo" debido a causas que agora se están a investigar. O festival está previsto que se organice do 16 ao 18 de xuño, isto é, a próxima semana, mais a súa celebración non está garantida.

Reaccións

Após coñecer o accidente, desde Comisións Obreiras avanzaron que se dirixirán á autoridade laboral co obxectivo de revisar as condicións en que se están a desenvolver os labores de montaxe dos escenarios do Son do Camiño.

Aliás, desexaron a recuperación dos traballadores: "A saúde de todos os traballadores e traballadoras é a nosa principal preocupación nestes momentos".

Tamén a ministra de Traballo, Yolanda Díaz; o ministro de Cultura, Miquel Iceta; e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladaron este venres a través das redes sociais a súa preocupación pola caída do escenario.

Comentarios