Cae o desemprego en febreiro mentres continúan a se incrementar os contratos temporais

Galiza conta con 1.179 persoas menos rexistradas nas listas do paro.

PSA Citroën
photo_camera [Imaxe PSA-Citroën]

Segundo os dados publicados esta cuarta feira (2 de marzo) as oficinas de emprego de Galiza suman menos persoas rexistradas que no pasado mes. Neste senso, as cifras de paro reducíronse en 1.179 persoas a respeito do mes de xaneiro e en 22.281 en relación ao mesmo período no ano anterior.

As cifras de paro reducíronse en 1.179 persoas a respeito do mes de xaneiro e en 22.281 en relación ao mesmo período no ano anterior

Por sexos, as mulleres continúan a situarse nas cifras de paro rexistrado por riba dos homes sendo que, dun total de 235.268 persoas desempregadas, 126.405 son mulleres e 108.863 homes. Aliás, as persoas menores de 25 anos inscritas como demandantes de emprego sitúanse en 12.123.

Por sectores económicos, os servizos abranguen a maior parte das persoas anotadas nos servizos de emprego 151.908 incrementándose en 102 a respeito do mes de xaneiro. Igualmente aumenta en 287 persoas aquelas que non contaban cun posto de traballo con anterioridade sumando xa 18.487 persoas. En troca, diminúen as persoas demandantes de emprego na agricultura (-297), na industria (-641) e na construción (-630).

A temporalidade representa o 90,79% do total de contratos

Porén, a temporalidade continúa a ser maioritaria nos contratos asinados durante o último mes. Neste senso, dos 61.614 contratos creados, 55.733 foron temporais fronte apenas 5.881 de carácter indefinido. No contexto xeral, a temporalidade representa o 90,79% do total de contratos acumulados (124.302) e incrementouse.  

Maquillaxe

Ao fío dos dados de paro rexistrado referidos ao mes de febreiro a Confederación Intersindical Galega (CIG) subliña “o incremento dos contratos que teñen menos dunha semana de duración logrou maquillar os dados de desemprego” pois, “a principal característica dos postos de traballo que se crean é a precariedade”.

Un feito que para a central sindical se manifesta en que “máis do 90% dos 61.614 contratos contabilizados” no pasado mes fosen temporais.  

Sen cobertura

Pola súa banda, desde UGT aseguran que as cifras de paro rexistrado “evidencian precariedade na contratación e altos niveis de rotación laboral” o que carrexa, din, “temporalidade e precariedade”. Asemade, advirten da “cronificación do desemprego” o que leva a moitas persoas sen traballo a non contar con prestacións. No concreto, subliñan, 119.780 persoas non contan con “ningún tipo de cobertura” o que representa “máis da metade dos desempregados”.  

Comentarios