Cae, após 40 anos de vida, outra auxiliar do naval ferrolán

Outra empresa histórica do auxiliar ferrolán anuncia o seu peche pola falta de encargos dos estaleiros públicos, situación que deixará sen traballo a 75 persoas.

photo_camera Plantel de Atenasa

A compañía auxiliar Atenasa, dedicada á habilitación e illamento de buques desde hai catro décadas, anunciou a súa intención de pechar e despedir aos 75 traballadores que conforman o plantel. Únese así a outras empresas históricas do sector naval ferrolán afogadas pola falla de carga de traballo nos estaleiros públicos da ría, principalmente na área de novas construcións.

Non será, porén, un camiño doado para a dirección da firma, que presentou un concurso volutario de acreedores uns días antes de que finalizase o ERTE de seis meses que afectou a boa parte do persoal, nomeadamente a man de obra. O comité láiase da falla de información e, de feito, acusou á empresa de actuar “de mala fe” ao non informarlle desta decisión nas reunións que mantiveron con posterioridade e de nin tan sequera contemplar outras medidas menos traumáticas.

O Comité acusa á empresa de actuar de "mala fe"

A representación social, que manterá este martes unha nova reunión co administrador concursal, xa explicou que presentará unha denuncia no xulgado ao considerar “viciado” todo o proceso. As perdas de máis de 300.000 euros son, sinalan, con Facenda e mais a Seguridade Social, mais, en calquera caso, “non son suficientes nin xustificativas para non podermos remontar nunha situación normal de carga de traballo”.

Ademais, ven unha “manobra escura” na forma de actuar do empresario, que recentemente creou unha compañía parelela -Tecais, tamén dedicada a habilitación e que fai moitos traballos para as tendas do grupo Inditex- na que os traballadores posúen unhas condicións laborais máis cativas. “O obxectivo”, sinala un traballador, “é claro: desfacerse dun plantel que, de media, leva máis de 12 anos na compañía, con compañeiros con tres décadas de antigüedade, para quedar cos que teñen unhas condicións máis baixas”.

Comentarios