Un de cada cinco traballadores mortos en Galiza en sinistros laborais é mariñeiro

Desde 2010 até setembro de 2016 morreron 70 mariñeiros galegos en sinistros laborais. O noso país rexistra un índice de incidencia superior aos estándares europeos.

mariñeiros barco mar traballo
photo_camera Imaxe do libro 'Pleine mer', do fotógrafo Jean Gaumy

Entre xaneiro de 2010 e setembro de 2016 un total de 70 mariñeiros galegos perderon a vida en sinistros laborais. Supón un de cada cinco traballadores que morreron en accidentes no traballo en Galiza nese mesmo período (foron 349), o 20%. Unha porcentaxe preocupante se temos en conta que o sector do mar, embora a súa importancia, non sobrepasa os 24.000 empregos en Galiza. O que supón unha pequena parte do total.  Rexistramos índices de incidencia que sobrepasan todos os estándares europeos: 103,8 sinistros mortais e 285 graves por cada cen mil traballadores en 2014 no sector do mar.

Entre xaneiro e setembro do ano pasado faleceron 12 mariñeiros, unha cifra superior á de todo 2015 (10 falecidos no sector do mar en sinistro laboral). Desde 2010 a 2016 o ano máis tráxico foi o 2014, cando houbo 20 mortos. Nese mesmo período, o exercicio no que menos traballadores perderon a vida no sector do mar foi o 2012, con 5.

Mais nestes seis anos non só se rexistraron accidentes mortais no sector do mar. Tamén os houbo de carácter grave: perto de 340. O que supón unha media superior á dun mariñeiro feriodo grave en accidente laboral cada semana. Sinistros leves foron, nestes anos, perto de 7.500. O que supón unha media de 24 sinistros leves no mar cada semana. 

Comentarios