De cada 100 novos empregos, os fixos non chegan nin a 7

Sindicatos advirten da precariedade laboral: De cada 100 novos contratos, os fixos non chegan nin a sete. "A recuperación na Galiza non se pode asentar sobre a precariedade", avisan.

Oficina de emprego, paro, traballo. Foto de Arxina
photo_camera Denuncian a estacionalidade do emprego creado no verán (Foto: Arxina)

Centrais sindicais advirten de que se asinaron 3.264 contratos diarios no mes de xullo na Galiza "para só reducir o desemprego" en 5.785 persoas, ademais de que, de cada 100, os fixos non chegan nin a sete. "A recuperación na Galiza non se pode asentar sobre a precariedade", avisan.

Pola súa banda, a CIG constata "o avance imparábel da precariedade" e a destrución do emprego na industria que xa apuntaban os datos da enquisa de poboación activa (EPA).

Engade que os números "confirman o carácter puramente estacional do pouco emprego creado" e "a grave situación das mulleres no mundo laboral".

A este respecto, o secretario xeral da central sindical nacionalista, Paulo Carril, denuncia a "enorme temporalidade" e a "salvaxe rotación".

En xullo, segundo os datos do Ministerio de Traballo, asináronse na Galiza 101.172 contratos, de onde a CIG extrae eses 3.264 contratos diarios de media.

Pola súa banda, UXT subliña que "toca derrogar as reformas laborais, apostar por políticas que incentiven a calidade do emprego, mellorar as rendas, subir o salario mínimo interprofesional e mellorar o escudo social".

Insiste na "necesidade de apontoar" unha recuperación con emprego "de calidade" debido a que de cada 100 contratos os fixos "non chegan nin a sete".

Sobre a igualdade e a xustiza social "debe pivotar a recuperación", resalta, antes de coincidir en que as mulleres son "as máis prexudicadas" por esta crise, ao acaparar case 60% do desemprego e 56% dos  ERTE.

Por último, apunta aos fondos europeos do plan de recuperación para pedir que sirvan para corrixir "os desequilibrios estruturais que padece a economía española" e para asegurar que a transición ecolóxica e dixital "vaia guiada por parámetros de xustiza social".

Mentres, CCOO incide tamén en que a recuperación "non se pode asentar sobre a precariedade" pois "só sete de cada 100 contratos rexistrados son indefinidos".

A responsábel de emprego do sindicato, Maica Bouza, apunta que en xullo "comprobouse unha mellora dos datos de desemprego e afiliación que até chegan a valores históricos, mais a situación vese empobrecida pola precariedade".

Así, sinala as persoas en paro ou inmersas en ERTE e un mercado laboral galego "con pés de barro" polo emprego creado de duración temporal.

Os orzamentos da Xunta para 2022 xunto aos fondos de reconstrución europeos deben ser, ao seu xuízo, "a base dun novo modelo de crecemento que permita recuperar a actividade produtiva, o emprego de calidade e a protección da poboación".

Deste modo, aposta por orientar as actividades á xeración de maior valor engadido nun modelo produtivo "diversificado" que potencie a industria e cumpra criterios ambientais de economía circular.

O incremento do salario mínimo interprofesional e a derrogación das reformas laborais "contribuiría a mellorar as condicións de traballo e a unha maior equidade na distribución da renda", conclúe.

Autónomas e autónomos

Pola súa banda, a asociación galega de traballadores autónomos e do mar cre que "a estacionalidade frea levemente as consecuencias da quinta onda".

Galiza sumou en xullo 392 novos afiliados ao réxime de traballadoras e traballadores autónomos, de modo que pasa de 209.254 en xuño a 209.646 en xullo.

Comentarios