SOBRE O DECRETO QUE REGULA A INDICACIóN DE MEDICAMENTOS

"Buscaron un problema xurídico onde non o había"

A Asociación galega de enfermaría familiar e comunitaria rexeita o decreto que limita a indicación de medicamentos entre @s enfermeir@s e denuncia que se fixo "de costas" ao colectivo e mesmo ás consellarías territoriais.

Vacina_gripe_SERGAS
photo_camera [Imaxe SERGAS]

Desde a AGEFC aclaran, de antemán, que a norma publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) o 23 de decembro "dáche un dedo e quítache unha man". Isto é, dunha banda, regula unha parte fundamental do trallo deste colectivo profesional que xa viña sendo desenvolvida mais que ficaba nun limbo xurídico. Neste senso, explica Fran Represas, "permite receitar medicamentos que non están suxeitos a prescrición médica", tales como o paracetamol. Un produto que calquera persoa pode mercar en farmacia. "Se o cumprimos ao pé da letra, colapsaría o sistema", advirten. 

Porén, aqueloutros que exixen da "prescrición médica" para o seu suministro "podemos indicalos mais cunha diagnose previa do médico" que deberá ser autorizada "en cada momento". Un feito que, denuncian, pode supor o "colapso" da asistencia sanitaria. 

E é que, mesmo os "apósitos" empregados nunha "cura" deberán "vir indicados polo médico" ou as "vacinas" que fan parte do "almanaque de vacinación", como a da gripe. 

O decreto foi aprobado no mes de outubro polo Consello de Ministros mais non foi publicado até case dous meses despois no BOE cunha redacción, denuncian desde a AGEFC, que non tiña a ver no referido á indicación, uso e autorización de medicamentos co acordado no Consello interterritorial de Sanidade. Neste senso, o borrador asinado polas distintas Consellarías --entre elas a galega-- non se corresponde coa redacción final do artigo 3 do decreto. 

A redacción do decreto publicado difire do borrador aprobado polas Consellarías territoriais. Euskadi, Balears e Valencia avanzaron que o impugnarán

Este feito motivou as críticas de territorios como Balears, Euskadi e Valencia que xa anunciaron a súa impugnación xunto cos colectivos profesionais. Pola súa banda, a Xunta aínda non se pronunciou ao respeito. 

"O gracioso é que vas á farmacia e un técnico indícache medicamentos" que, a partir de agora, @s enfermeir@s non poderán usar nen indicar sen autorización médica. "Son cousas sen sentido", asegura Represas quen, aliás, subliña un outro apartado do decreto. No concreto, o artigo 9 relativo aos "requerimentos que deben reunir os enfermeiros para obter a acreditación" que autoriza a indicación de medicamentos suxeitos a prescrición médica e mediante o que se exixe (apartado c) "ter adquirido as competencias necesarias" através da "superación do correspondente programa formativo" que ofrecen as organizacións colexiais de enfermaría. 

"Estamos totalmente en contra", subliñan, de teren que "pagar" por unha formación que, aseguran, adquiren nos seus estudos universitarios. "É un sen sentido" que respondería, cren, aos "intereses" destas organizacións. 

Comentarios