Bruxelas: honra e barcos (do xeito)

Mesmo a Unión Europea se fixo estes días, a ollos dos mariñeiros da delegación do xeito, un ente máis disposto a escoitalos que o propio goberno do seu país.

XEITO BRUXELAS

Xeiteiros de Rianxo explicando a un director xeral europeo como a malla desta arte non captura ningunha outra especie que non sexa sardiña ou bocareu; que é un aparello selectivo e non dañino. Xeiteiros de Moaña a falar cun euro-deputado italiano de que este aparello non ten nada a ver coas volantas. Patrón maior de Cangas a enfatizar perante unha relatora italiana que hai que diferenciar claramente pesca artesanal e industrial... Ningún deles imaxinaba hai unhas semanas que ían estar en Bruxelas nunha delegación explicando de ti a ti a cargos comunitarios e parlamentari@s de diferentes estados o que era o seu traballo e por que era unha verdadeira tolería querer prohibilo... Ningún deles o imaxinaba hai unhas semanas mais alí estaban estes días. “Grazas a Ana, que Ana vale moito”, insistían. Ana é Ana Miranda, do BNG, a persoa á que todos eles agradecen a implicación, traballo e compromiso que leva poñendo en defender o xeito desde que saíu a nova (finais de setembro) de que a UE barallaba a súa prohibición en 2015. A que lles organizou esta viaxe a Bruxelas para expoñer os seus motivos. Tamén Adolfo, din os xeiteiros, é “o noso alcalde”. Adolfo Muiños é alcalde, si, mais de Rianxo. Pero os xeiteiros de Redondela ou de Cabo chámanlle, sen complexos, “o noso alcalde”. Por que ? "Porque está ao noso carón".

Primeiro sentir: abandonados polo goberno galego

Unha primeira sensación xeral na delegación de mariñeiros é que a Xunta e o goberno español non se molestaron en perder un segundo defendendo o sector. Ou que se o fixeron fixérono moi mal. 426 barcos abandonados á súa sorte. A propia Comisión Europea iniciou os traballos sobre a proposta de prohibir determinadas artes con información española de que só 25 embarcacións traballaban nesta arte. Naqueles primeiros pasos ningunha desas administracións informou, explicou ou alegou ante as institucións europeas a prol desta arte tradicional ("desde o século XIV") e sostíbel ("non ten descartes, non afecta a ningunha especie mariña protexida").

As conversas informais destes días cos mariñeiros reflectían que para eles a Consellaría do Mar era unha entidade nada próxima aos seus intereses e necesidades e que non os estaban a defender. E non só no tema do xeito.

Segundo sentir: Pesca artesanal vs pesca industrial

Horas de debates entre mariñeiros e cargos da UE levaron á delegación a percibir que o discurso a prol da pesca artesanal mantido pola Unión Europea se contradí coa práctica diaria da propia UE. O propio euro-deputado italiano M. Afronte recoñeceulles o peso do ‘lobby’ da pesca industrial en Bruxelas. O patrón maior de Cangas foi un dos que máis insistía en que a pesca artesanal debería ter unha protección especial por parte das administracións e lamentaba que iso non fose así.

O deputado do BNG Daniel Rodas confesaba que “daba medo” ver o “descoñecemento da realidade pesqueira de Galiza” que había na Unión Europea, malia ser o noso país un dos máis importantes nese eido.

A defensa da pesca artesanal foi unha constante pola delegación do xeito, como modelo económico, ambiental e socialmente sostíbel. Que houbese que explicar iso, “algo tan sinxelo”, a Bruxelas non deixaba de sorprenderlles. Que á Xunta “non lle importe a pesca artesanal” non deixa de indignarlles.

Terceiro sentir: Confiar en eles propios

Bruxelas abre as portas a que o xeito quede excluído da prohibición de artes á deriva. Algo lóxico, pois o xeito non é unha arte á deriva. Mais esa lóxica estivo ausente todas estas semanas en que colocan o xeito ao nivel de artes, como as volantas kilométricas, esquilmadoras de recursos. Que se abra esa porta a manter o xeito foi debido a que o propio sector tan pronto como se enterou decidiu tirar de enriba calquera tentación de se limitar a laiarse e queixarse e optou por se mover. Moverse, actuar para defender non só o seu traballo, senón todo un modelo socioeconómico: a pesca artesanal. E tamén foi importante, recoñéceno os propios xeiteiros e patróns, o traballo desenvolvido polo BNG na ‘fronte institucional’, e non só aí.

A finais de xaneiro en Bruxelas haberá as votacións da proposta da Comisión Europea de prohibición de artes. Até daquela o sector xa ten claro que non vai ficar parado. "Oe, plumilla, conta ben que non imos baixar os brazos. Que nós temos honra e barcos", piden entre chanzas os de Redondela. Pois contado queda.

Comentarios