Brigadistas da Galiza marchan en Compostela pola profesionalización do sector

Denuncian a "precarización" e "desmantelamento" do servizo público de prevención e extinción de incendios forestais. "Quen apaga o lume, nós e non a UME", corearon. 

Brigadistas
photo_camera [Imaxe @TereixaPaz]

Por volta dun milleiro de brigadistas manifestáronse esta cuarta feira (22 de xullo) en Compostela perante os edificios da Xunta en San Caetano. Traballadoras e traballadores do sector continúan a exixir "diálogo" á Consellaría de Medio Rural perante o "desmantelamento" do servizo e a "precarización" dos seus postos de traballo, afirman. 

As organizacións sindicais convocantes CIG, UGT, CC.OO e CSIF denunciaron que a situación actual na que se atopan @s brigadistas "pon en risco a vida dos traballadores", non só pola precariedade laboral senón pola "falta de coordenación" dos operativos ao que se engade, subliñan, as "carencias formativas e de experiencia". 

Neste senso, as persoas que percorreron as rúas da capital da Galiza esta cuarta feira defenderon "estabilidade" e "dignidade laboral" para o sector e reclamaron a implicación da responsábel política na materia, Rosa Quintana á que pediron que saíse pola fiestra da Consellaría, sen éxito. 

Comentarios