BorgWarner Vigo avanza un acordo co comité de empresa para o novo convenio colectivo

A compañía do sector da automoción inclúe no documento un incremento salarial para este ano de 0,9%.

Concentración do comité de  BorgWarner (Nós Diario)
photo_camera Concentración do comité de BorgWarner (Nós Diario)

A compañía BorgWarner Vigo anunciou que a dirección e o comité de empresa alcanzou a última hora desta sexta feira un acordo no proceso de negociación do novo convenio colectivo.

O texto, segundo indica a empresa, terá unha vixencia de tres anos e inclúe un incremento salarial para este ano de 0,9% e a prestación de 100% da base de cotización durante a primeira e segunda baixa, que será do 80% para a terceira e seguintes.

O convenio inclúe tamén aspectos relacionados coa xornada laboral, os descansos e os días de libre disposición, que foron "acordados por ambas as partes".

"Supuxo un gran esforzo, pero alegrámonos de que finalmente imperase o diálogo fronte a unha convocatoria de folga indefinida moi prexudicial para os intereses da planta no contexto actual", sinala a empresa nun comunicado, no que lembran a "situación complicada" polas perspectivas para o futuro do diesel e a redución no mercado.

O comité convocara folga

A maioría do comité de empresa da planta de Borgwarner apostara por levar a cabo unha folga indefinida desde esta próxima segunda feira para alcanzar un "convenio xusto" e diante as ameazas da dirección de deslocalizar a fábrica a Portugal se non se aceptan os "recortes que expón a súa proposta" respecto a as condicións laborais.

Desde a maioría do comité -integrada por cinco das seis seccións sindicais con representación: CIG, UGT, USO, CGT e CCOO- incidiron sempre en que a fábrica de BorgWarner en Vigo vén demostrando que é moi rendíbel, con beneficios que medraron aínda máis no período do último acordo en vigor, dende 2016 até 2019, “sendo unha fábrica moi competitiva a nivel económico e técnico”.

En BorgWarner Emissions Systems compañía do sector da automoción con sede en Vigo traballan actualmente 477 persoas.

Comentarios