Bombeiros protestan pola “nula xestión” dos recursos humanos durante o temporal

A Mesa Intersindical de Bombeiros de Galiza vén de se pronunciar diante do “descontento” que padece pola “xestión dos recursos humanos dispoñíbeis nos servizos de bombeiros” por parte da Axencia Galega de Emerxencias durante o temporal.

bombeiros
photo_camera [Imaxe de arquivo] Protesto contra a privatización do servizo de bombeiros

Os bombeiros, organizados arredor da mesa intersindical, critican a “ineficacia do modelo” e a “falta de interese” da Dirección Xeral de Emerxencias, á que lle pide “un sistema eficaz, coordinado e reactivo”.

Nun comunicado de imprensa, os bombeiros expoñen que “fronte á resposta dada polos parques de xestión pública, maiormente de titularidade municipal, que ante a alerta mobilizaron os seus recursos humanos, reforzando quendas para así garantir unha resposta o mais eficaz posíbel, nos parques de xestión privada, o servizo mantívose prestado pola garda habitual, xa reducida de por si”.

Neste sentido, a mesa intersindical informa de que tan só un dos 24 parques comarcais de Galiza, o de Silleda, reforzou con persoal extra os tres efectivos por quenda habituais. “Curiosamente, de todos os parques comarcais, este é o único de xestión pública”, advirten.

Denuncian o reparto de dividendos

Os bombeiros volven cargar contra a privatización ao salientar que “queda probado, unha vez mais, que o obxectivo deste modelo de xestión é unicamente o reparto de dividendos entre empresas afíns, que non só non achegan nada á xestión do servizo, senón que en situacións de alerta ou necesidade supoñen un atranco de cara a proporcionar á cidadanía resposta mais adecuada e eficaz”.

Os bombeiros, que reivindican “dar resposta a situacións de emerxencia”, reclaman “un servizo público de calidade para o cidadán, homoxéneo e non discriminatorio, que non estea suxeito a criterios de rendibilidade económica dunhas empresas”. “A defensa do modelo actual por parte de órganos como a Dirección Xeral de Emerxencias, ou administracións como a Deputación de Ourense só supón antepoñer o beneficio duns poucos á protección efectiva e xusta da cidadanía”, conclúen.