Os bombeiros, organizados arredor da mesa intersindical, critican a “ineficacia do modelo” e a “falta de interese” da Dirección Xeral de Emerxencias, á que lle pide “un sistema eficaz, coordinado e reactivo”.
Nun comunicado de imprensa, os bombeiros expoñen que “fronte á resposta dada polos parques de xestión pública, maiormente de titularidade municipal, que ante a alerta mobilizaron os seus recursos humanos, reforzando quendas para así garantir unha resposta o mais eficaz posíbel, nos parques de xestión privada, o servizo mantívose prestado pola garda habitual, xa reducida de por si”.
Neste sentido, a mesa intersindical informa de que tan só un dos 24 parques comarcais de Galiza, o de Silleda, reforzou con persoal extra os tres efectivos por quenda habituais. “Curiosamente, de todos os parques comarcais, este é o único de xestión pública”, advirten.
Denuncian o reparto de dividendos
Os bombeiros volven cargar contra a privatización ao salientar que “queda probado, unha vez mais, que o obxectivo deste modelo de xestión é unicamente o reparto de dividendos entre empresas afíns, que non só non achegan nada á xestión do servizo, senón que en situacións de alerta ou necesidade supoñen un atranco de cara a proporcionar á cidadanía resposta mais adecuada e eficaz”.
Os bombeiros, que reivindican “dar resposta a situacións de emerxencia”, reclaman “un servizo público de calidade para o cidadán, homoxéneo e non discriminatorio, que non estea suxeito a criterios de rendibilidade económica dunhas empresas”. “A defensa do modelo actual por parte de órganos como a Dirección Xeral de Emerxencias, ou administracións como a Deputación de Ourense só supón antepoñer o beneficio duns poucos á protección efectiva e xusta da cidadanía”, conclúen.