Bombeiros denuncian que Natutecnia lles nega formación

A Mesa Intersindical de Bombeiros de Galiza acusa Natutecnia, empresa que xestiona os servizos dos parques comarcais, de negarlles formación aos seus traballadores.

[Imaxe: Natutecnia] Bombeiros do parque das Pontes
photo_camera [Imaxe: Natutecnia] Bombeiros do parque das Pontes

Natutecnia, a empresa que xestiona os parques comarcais de bombeiros, négalles a formación aos seus traballadores. Esta é a denuncia que fai a Mesa Intersindical de Bombeiros de Galiza que, nunha nota de prensa, carga contra “a política empresarial do pleistoceno, non acorde cos tempos actuais” de Natutecnia.

A Mesa Intersindical advirte de que a empresa “négase a expedir o certificado para a convalidación da parte práctica” aos profesionais que están a realizar o ciclo medio de Emerxencias e Protección Civil. “Á empresa non lle custa absolutamente nada”, sinala nun comunicado.

A decisión de Natutecnia, informan os bombeiros, implica que os profesionais teñan que facer 400 horas prácticas noutro centro. A Mesa Intersindical pregúntase neste contexto se obsesión da empresa pasa por “facerlle a vida imposíbel aos seus traballadores”.

Na actualidade, Natutecnia xestiona seis parques de bombeiros no país no Eume, Costa da Morte, Santa Comba, Sarria, Chantada e Monforte de Lemos.

Comentarios