O BNG propón que a Xunta adiante as indemnizacións ás mariscadoras da ría do Burgo

A deputada Mercedes Queixas pídelle á Xunta que adiante as compensacións económicas por inactividade obrigada que lle corresponden ás persoas mariscadoras e que logo lle reclame eses fondos ao Estado.
A deputada nacionalista Mercedes Queixas (Foto: Nós Diario).
photo_camera A deputada nacionalista Mercedes Queixas (Foto: Nós Diario).

A deputada do BNG no Parlamento galego Mercedes Queixas rexistrou unha batería de iniciativas en demanda de solucións para o colectivo de persoas mariscadoras da Ría do Burgo, traballadoras que durante dous anos non poderán desempeñar a súa actividade profesional a consecuencia das obras de dragaxe que van comezar o próximo 24 de xaneiro. Trátase dunha proposición non de lei, unha interpelación e dúas preguntas, unha oral e outra por escrito.

O pasado 10 de decembro o Parlamento instaba a Xunta a que reclamase do Goberno central a compensación ás mariscadoras “durante o período no que non poidan exercer a súa actividade como consecuencia da execución da dragaxe da Ría do Burgo”.

A través da proposición non de lei, a parlamentar nacionalista pídelle á Xunta que adiante as compensacións económicas por inactividade obrigada que lle corresponden ás persoas mariscadoras e que logo lle reclame eses fondos ao Estado. Queixas argumenta que a Xunta “dispón de asistencia xurídica propia” para a xestión deste asunto, “o que permite activar garantías de protección ás mariscadoras e evitarlles así un compromiso de endebedamento engadido innecesario”.

A deputada lembra que o pasado 10 de decembro o Parlamento instaba a Xunta a que reclamase do Goberno central a compensación ás mariscadoras “durante o período no que non poidan exercer a súa actividade como consecuencia da execución da dragaxe da Ría do Burgo”.

Máis dun mes despois as persoas mariscadoras continúan sen saber como e quen lles vai satisfacer o seu dereito a non se veren prexudicadas pola realización de obras de titularidade estatal que lles impiden realizar a súa actividade profesional. De aí que o BNG estima que a Xunta debe intervir de inmediato adiantando o diñeiro para logo lle reclamar ao Estado, ao ser este o titular das obras.

A xuízo de Queixas, a Xunta non estivo dilixente ao non ter aberto “un proceso de negociación inmediato co goberno do Estado para velar polos intereses dos traballadores da Ría do Burgo, reforzando o desleixo mantido todos estes anos coa recuperación da ría”.

Comentarios