BNG pide que a Xunta interveña ante a degradación laboral nas subcontratas de Telefónica

O portavoz nacional do Bloque empraza o goberno galego a “non consentir a degradación extrema” d@s operari@s destas firmas mentres a multinacional obtén beneficios de miles de millóns.

VENCE E CARRIL CONCENTRACIÓN TRABALLADORES LITEYCA

O BNG vai solicitar no Parlamento a intervención da Consellería de Traballo no conflito das subcontratas de Telefónica, unha petición anunciada esta segunda feira por Xavier Vence, portavoz nacional do Bloque, durante a súa participación nas mobilizacións que no Polígono da Grela (A Coruña) protagonizaron traballador@s de Liteyca.

Vence considera que a Xunta ten que intervir ante a “degradación extrema” das condicións laborais das persoas que traballan para subcontratas da que fora empresa pública de comunicacións, privatizada polo PP no mandato de Aznar.

Vence preguntouse se estas condicións laborais degradadas nas que non se respectan nin os convenios “son unha mostra máis da recuperación económica que pregoa o PP”, e salientou que a multinacional obtivo un beneficio neto en 2014 de 3.000 millóns de euros “a costa da degradación ata o extremo das condicións laborais das persoas que traballan nas empresas coas que subcontrata”.

O BNG tamén vai levar a situación do cadro de persoal de Liteyca ao pleno do Concello da Coruña, e o portavoz municipal e candidato de BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, anunciou “unha moción en pleno instando a cumprir o convenio colectivo, á readmisión dos traballadores despedidos inxustamente, e en demanda dun novo sistema de contratas e subcontratas”.

A greve indefinida afecta en Galiza a medio cento de empresas e por volta dun milleiro de empregad@s. A greve comezou o martes 14 de abril para esixir o cumprimento dos convenios de aplicación, limitar a subcontratación en cadea e combater a precarización laboral que padecen as e os traballadores do sector. 

Comentarios