Bloquean o acceso ao edificio de dirección de Navantia

En protesta por como se está a levar a cabo o proceso de novas incorporacións.

navantia bloqueo(Foto @copeferrol)
photo_camera (Foto @copeferrol)

Delegados do comité de empresa de Navantia bloquean desde as 5:30 horas desta segunda feira o acceso ao edificio de dirección, impedindo o acceso do persoal directivo  e de Recursos Humanos.

Esta acción sorpresa é un acto de denuncia do comité sobre como se está a desenvolver o proceso de novas incorporacións, onde segundo denunciaron desde a parte social, Navantia quere agora non contratar a varios aspirantes que, malia que superaron as tres fases de acceso, foron rexeitados tras unha entrevista cun psicólogo, que ademais se realizou de maneira telemática.

As últimas semanas estanse a dar diversas mobilizacións en Navantia. A finais da pasada semana, traballadores e traballadoras do naval ferrolán marcharon desde o estaleiro até a praza de Armas de Ferrol, onde realizaron unha concentración, para demandar carga de traballo e os investimentos necesarios para pór o sector no século XXI.

"Mentres nos demais países os diques están cheos, nós témolos baleiros. As infraestruturas de Carenas quedan obsoletas, non se aproveitan tampouco as sinerxías coa planta de gas e incluso se minusvalora e torpedea o desenvolvemento de Turbinas", lamentaba o responsábel da sección sindical da CIG-Navantia Ferrol, Marcelino Amado.

Comentarios