sábado 04.04.2020

Un berro unitario pola dignidade dos medios de comunicación públicos

Os comités de empresa da CRTVG e CRTVE-Galicia convocan unha manifestación en Compostela para o próximo 8 de setembro

Venres Negro na TVG.
Venres Negro na TVG.

Os comités de empresas de CRTVE-Galicia e da CRTVG chaman as traballadoras para participar o próximo 8 de setembro nunha manifestación unitaria en Compostela. A saída será ás 10:30 horas desde as instalacións da canle pública galega en San Marcos para despois pasar pola sede da CRTVE, no mesmo lugar. A marcha finalizará na praza de Praterías arredor das 12:30 horas, onde se procederá á lectura dun manifesto. As artistas Uxía, Guadi Galego e Xabier Díaz participarán coa súa música no acto.

Esta será a primeira xornada reivindicativa na que os comités de empresa da CRTVG e CRTVE-Galicia unen as súas demandas nunha acción de protesta. Esta chega despois do nacemento dos chamados ‘Venres Negros’, nos que o persoal da CRTVE organizara mobilizacións entre as traballadoras para denunciar a situación laboral que están a sufrir. O persoal de CRTVE-Galicia participa cada sexta-feira nesta iniciativa, que non tardou en ser secundada polo persoal da CRTVG.

Desde as empresas públicas denuncian “o uso político e partidista dos medios, o control gubernamental, a falta de independencia e a manipulación informativa”, enumera Raquel Lema, membro do comité de empresa da CRTVG. Dentro da problemática interna de cada medio, as traballadoras da corporación pública galega reclaman a creación dun consello de informativos, prevista desde a lei de medios públicos da Galiza, do ano 2011. “Non interesa crealos, e cremos que é importante para poder erradicar a manipulación informativa”, apunta.

A traballadora chama a atención sobre as “represalias directas” que está a vivir o persoal da CRTVG a causa destas mobilizacións, con especial atención á apertura dun expediente disciplinario á xornalista Tati Moyano, presentadora de informativos. “Xa había indignación e con isto a xente está realmente enfadada e decepcionada coa dirección. Atacar a Tati é atacarnos a todos”, engade. Lema fai un chamamento “a toda a sociedade” para acudir á manifestación do vindeiro sábado 8 de setembro, “para que nos axuden a reclamar a independencia dos medios públicos, que tomen conciencia da situación deles, e que nos axuden a recuperalos para a cidadanía”, declara.

comentarios