Barricadas e cortes de estradas no principio da folga de 48 horas en Siemens Gamesa

O persoal está a piques de esgotar a súa carga de traballo sen ver claro o seu futuro laboral

siemens gamesa folga
photo_camera Barricadas no acceso ás Somozas (Foto: Traballadores)

Os accesos ao polígono industrial das Somozas rexistraron desde primeira hora da mañá desta segunda feira diversas barricadas e cortes de estradas coincidindo co inicio da folga de 48 horas na planta da multinacional Siemens Gamesa.

Así, colocáronse pneumáticos no dous acceso ao polígono que foron incendiados, ademais de proceder á corta dalgunha árbore que bloqueou o paso de vehículos.

Os traballadores reclaman carga de traballo e que non se leve a cabo o despedimento de 29 empregados.

Actualmente, a planta situada na comarca de Ferrolterra está a quedarse sen traballo, xa que os encargos das pas do modelo SG-114, que son as que maioritariamente realizan nesta factoría, están a piques de ser finalizadas.

Pola súa banda, o Concello das Somozas tamén permanecerá pechado durante estes dous días de folga, en solidariedade cos traballadores desta planta, que é a que xera un maior número de postos no polígono industrial da localidade.

E é que fai tan só uns meses eran 300 os postos de traballo directos, que ascenden até os 500 se se contabiliza os indirectos.

Comentarios