Baixa o paro no mes de xuño

Na Galiza rexistráronse 7.919 persoas menos nas oficinas de emprego o pasado mes. 

As cifras de paro rexistrado correspondentes ao mes de xuño reflicten un descenso do número de persoas desempregadas na Galiza. Embora 229.062 están aínda á procura dun posto de traballo, o número é o 3,34% menos que en abril, segundo os dados fornecidos polo Ministerio español de Traballo.

Por sectores continúan a ser os servizos (-4.397) os que máis traballo xeran en boa medida vencellado ao período estival. Deseguido a construción (-1.116) e a industria (-1.072) son os sectores que máis baixada experimentan. 

Así as cousas, a cifra de contratacións correspondentes ao mes de xuño (85.271) continúa a reflectir un incremento da precariedade laboral, sendo que 79.469 contratos asinados foron temporais fronte a apenas 5.802 indefinidos. En termos totais, na Galiza están vixentes 400.679 contratos, o 91,78% de carácter temporal. 

A respeito das prestacións por desemprego, no noso país perciben algún tipo de axuda 113.834 persoas. A maior parte, subsidios. 

As filiacións á Seguridade Social tamén recollen un leve incremento situándose en 943.930 persoas, o 0,70% máis que o mes anterior e o 2,42% na variación interanual. 

Comentarios