Baixa en Galiza o paro rexistado e aumenta a precariedade e temporalidade

.

O número de persoas en desemprego rexistadas en Galiza é de 252.137, un 2,1% menos que no mes de febreiro (5.412 persoas) e un 8,8 por cento inferior á que había a estas alturas de 2014 (24.326). Un descenso, porén, que non vai parello á creación de emprego a ese mesmo ritmo. De febreiro a marzo a afiliación á Seguridade Social aumentou un 0,57%. E nestes 12 últimos meses ese incremento foi de 1,88%, mentres que os dados de paro rexistado indican que a cifra de desempregados foi sete puntos superior, un 8,8 por cento.

Das 252.137 persoas que a 31 de marzo estaban inscritas nas oficinas de desemprego, as mulleres eran 133.852 e os homes 118.287. Un 5,4% das e dos rexistados teñen menos de 25 anos, 13.849.

Por sectores, o desemprego descendeu neste mes en todos eles, agás no de sen emprego anterior, que aumentou en 232 persoas. Onde máis baixou foi en servizos (3.030) e na construción (1.241).

Os contratos asinados en marzo foron 63.842. Seguindo a liña destes anos, a inmensa maioría (57.963, o 90,7%) foron contratos temporais.

Precariedade e temporalidade

Para o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Miguel Malvido,os dados do paro e da contratación amosan "a nova realidade existente no mundo do traballo no noso país, caracterizada por unha cada vez maior desigualdade e por un incremento constante das persoas en risco de exclusión social".

A precariedade e a temporalidade no mercado laboral galego non deixa de medrar mes a mes”, afirma Malvido, quen denuncia ademais “a baixa calidade do emprego, non só nos novos contratos, senón tamén nos que xa existían”.

En ampliación

Comentarios