O aviso de Carlos Tavares non intimida na factoría de PSA Citröen en Vigo

As declaracións do presidente de PSA a un xornal francés trouxeron de novo a pantasma da deslocación a Vigo. Os sindicatos están máis pendentes da seguridade sanitaria coa actual pandemia e móvense entre a incerteza e a idea de que a multinacional busca unha estratexia empresarial. 
Traballadora na planta de PSA en Vigo
photo_camera Traballadora na planta de PSA en Vigo

Haberá despidos no sector na automoción até 2030. Esta rotunda e profética afirmación saíu do presidente de PSA, Carlos Tavares, esta fin de semana  nunha entrevista concedida ao medio francés Le Journal du Dimanche e trouxo, de novo, a sombra da incerteza á factoría que o grupo ten en Vigo.

Na conversa, o directivo portugués aseguraba que os cambios lexislativos europeos en materia medioambiental poden derivar nunha perda de emprego. “(O consumidor) está disposto a pagar 15.000 euros por un vehículo fabricado en Europa que custa 12.000 se se produce fóra?”, pregúntase Tavares como explicación dunha posíbel deslocación dalgunha das súas factorías. 

Esta pasada segunda feira o director do centro do Grupo PSA Peugeot Citroën en Vigo, Ignacio Bueno, tivo que responder diante dos medios de comunicación sobre este tema para suavizar esas palabras. Bueno asegurou que se referían a unha tendencia xeral do sector ante a baixada prevista na demanda de vehículos. Ademais, insistiu en que Tavares non buscaba aludir "a nada específico sobre PSA". Foi no transcurso dunha visita institucional do conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, na que sinalaba que se recuperaba a cuarta quenda de traballo composta por 40 persoas. Desta maneira, o taller, no que se ensamblan 300 baterías diarias dos vehículos eléctricos Peugeot e-2008, Opel Corsa-e e Citroën e-C4, sumará 160 operarias.

Entre a incerteza e a estratexia empresarial 

María Xosé García, responsábel da CIG Automoción, non descarta que as declaracións sexan un "aviso" aínda que salienta que "a nosa man de obra é das mellores, e a de Vigo, a factoría que máis beneficio lle dá”. En todo caso tranquiliza asegurando que "Vigo ten a concesión mundial do K9 e o P24" ademais de que “aínda se están fabricando moitos coches diésel e gasolina, máis que eléctricos”. Agora si, indica a Nós Diario que "non sabemos como fará despois de que se aprobe a lei do cambio climático en 2030". En todo caso, asegura que desde a central nacionalista xa avisaron que se non se actúa, "o futuro da automoción será moi semellante ao que ten agora o naval".

"É un discurso premeditado", afirma a Nós Diario o responsábel da CUT na factoría viguesa de PSA, Víctor Mariño, "queren aproveitar a pandemia para tentar flexibilizar a normativa europea de medio ambiente", engade. Para o sindicalista, PSA "busca pescar en río revolto e como os obxectivos eran ambiciosos terían que desembolsar un investimento que eles non queren facer para non reducir os beneficios dos accionistas”.

Cre que as declaracións teñen unha intencionalidade e pon como exemplo que "no seu momento dixeron que a K9 iría para Eslovenia para chantaxearnos e que reducísemos as nosas condicións sociais e económicas, cando na propia Eslovenia ese debate nunca existiu". Ten a seguridade de que "malia este discurso, levar o traballo a Francia incrementaría moito o seu custo e iso reduciría as súas ganancias", polo que non cre que vaia máis alá.

A seguridade sanitaria segue a preocupar no sector

Os sindicatos avisan que só cos protocolos de actuación non se mantén a seguridade sanitaria en PSA Citröen e nas súas auxiliares. María Xosé García explica que hai controis de temperatura e hidroxel na entrada, ademais de ter desinfectados os postos de traballo, mais "a limpeza no traballo facémola as propias operarias e operarios". Segundo que empresa sexa teñen "algún minuto máis ou os vestiarios fechados, mais despois os ritmos nas producións seguen a ser exaxerados, con máscaras que nos afogan", engade.

Deste último tema Victor Mariño asegura que se traballa "a ritmos prepandemia e mesmo facendo novas produtividades". Tamén hai verdadeiros problemas de distancia social. Asegura que "somos moita xente e moitas veces traballando a menos dun metro".

Comentarios