Avarías e carencias no material das residencias de idos@s galegas

A CIG exixe a demisión da conselleira de Benestar por se ter comprometido a dotar dos recursos necesarios estes centros para este verán.

Centros de Traballo e Benestar
photo_camera [Imaxe CIG]

"Incompetencia e deixadez de funcións", así definen desde a sección sindical da CIG a xestión política da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, após comezar o verán e non teren sido adquiridos os guindastres de elevación e bipedestación; camas articuladas e padiolas que o goberno galego prometera. 

O compromiso fóralle arrincado á Consellaría de Benestar após numerosas mobilizacións e denuncias por parte dos cadros de persoal das residencias de idos@s xeridas pola administración pública. 

"A mala xestión de Beatriz Mato é a máxima responsable de non ter capacidade para solucionar as graves carencias destes centros que pasan os meses e continúan sen o material necesario para manter as prestacións e a atención debida aos usuarios residentes destes centros de persoas maiores", sinala Mar Peteira, representante da sección sindical da CIG. 

"A mala xestión de Beatriz Mato é a máxima responsable de non ter capacidade para solucionar as graves carencias destes centros"

Unhas carencias que contrastan co orzamento aprobado para tal fin, segundo as autoridades políticas, e que ascende a 650 mil euros. Porén, explican desde a central sindical nacionalista, a adquisición deste material “é urxente e imprescindible” para evitar sobre esforzos e condicións de traballo que causan accidentes laborais, lesións e baixas. 

Perante esta situación, exixen a demisión de Beatriz Mato pois, din, “a deixadez de funcións e a inoperancia da conselleira é notoria e manifesta na duración e mantemento desta situación, que lonxe de tomar medidas efectivas, recréase na burocracia deixando desertas licitacións de adquisicións de compras ou como no caso da paralización das obras da Residencia de Maiores de Ferrol, aplica directamente o non sabe non contesta, para manter paralizadas as obras de remodelación sen  visos de continuidade”.

Aliás, explican, ás carencias de material súmanse as avarías doutro, como acontece na Residencia de Maiores de Volta do Castro en Santiago de Compostela, onde a maquinaria de lavandería e a de fregado de louza ten avarías continuas e “está en tal mal estado que mesmo hai moi poucos días produciuse un incendio nunha das lavadoras do Centro (coa situación de perigo que conleva manter una maquinaria obsoleta e inservible para as necesidades da Residencia), que quedou fóra de uso coa conseguinte merma do servizo que se presta de lavado de sabas e roupa dos residentes”.

Comentarios