domingo 24/10/21

Avalancha de despedimentos no naval galego

Desde o sector piden máis implicación por parte das administracións públicas e das entidades financeiras.
Enrique Mallón, secretario xeral de Asime, durante a rolda de prensa (Foto: Asime).
Enrique Mallón, secretario xeral de Asime, durante a rolda de prensa (Foto: Asime).

2020 foi un ano "malo" para o sector naval galego e o comezo de 2021 non pinta moito mellor. Segundo Enrique Mallón, secretario xeral da Asociación de Industriais Metalúrxicos da Galiza (Asime), na actualidade traballan nas empresas do naval vigués 4.600 persoas, son 26% menos que hai un ano, cando se contabilizaban 1.200 empregos máis no sector. E o pronóstico para o primeiro semestre de 2021 é "continuar coa perda de emprego", dada a delicada situación pola que atravesan as principais empresas de construción naval. 

En concreto, Mallón referiuse ao estaleiro vigués Hijos de J. Barreras, onde traballan na actualidade 250 persoas, un dato que contrasta coas 1.200 que chega a empregar en momentos de forte actividade. Pero o que máis preocupa á patronal é a situación "límite" da industria auxiliar, sen capacidade para facer fronte aos próximos vencementos das liñas de crédito solicitadas tanto á Xunta como ao Goberno español.

Neste senso, Mallón pediu ás administracións públicas que, aínda que teñan que ser "rigorosas e estritas" cos apoios públicos, as 60 empresas auxiliares do naval de Vigo "ben merecen un esforzo extraordinario". 

Mais o secretario xeral de Asime tamén reclamou un "apoio decidido" por parte dos bancos e entidades financeiras, así como dos armadores, para non perder masa crítica. Recoñece as "dificultades" para fechar novos contratos, precisamente pola situación financeira destas empresas, pero cre tamén que é o momento de potenciar a reparación naval, habilitando novos espazos para iso. 

A Ritz-Carlton, propietaria de Barreras, instouna a "un maior diálogo e achegamento" coas auxiliares, coas que aínda mantén unha débeda próxima aos 20 millóns de euros, xa que a "lentitude" nos pagamentos pode xerar "desconfianza", a mesma que suscita o feito de que o buque Evrima marche de Vigo para realizar traballos de pintura. "Non vemos a Ritz-Carlton escapando con todos os debedores detrás", tranquilizou Mallón. 

E se a cousa en materia de emprego non pinta ben polo sur, polo norte máis do mesmo. Onte o persoal traballador dos estaleiros da ría de Ferrol retomou as súas mobilizacións en demanda de carga de traballo e da modernización das plantas de Navantia.

O portavoz de CCOO no comité de Ferrol, Miguel Pol, advertiu do posíbel despedimento dun milleiro de operarios auxiliares nas próximas semanas, que se sumarían aos 2.000 empregos destruídos nos últimos meses. Tamén apuntou que as centrais sindicais albergan "serias dúbidas" de que o contrato das fragatas F-110 vaia comezar a tempo, polo que sinalou que o estaleiro podería "morrer de éxito".

comentarios