As auxiliares de Inditex aforran para Amancio Ortega

Persoal das empresas que traballan no corazón da multinacional con sede en Arteixo denuncian que nestes meses de emerxencia perderon dereitos laborais. Aseguran que Inditex “mandou aforrar” para recuperar as perdas ocasionadas por non abrir un ERTE no propio grupo. Comezan a pensar nunha folga.
Protesta nunha das entradas de Inditex en Arteixo (Nós Diario)
photo_camera Protesta nunha das entradas de Inditex en Arteixo (Nós Diario)

O persoal das empresas de seguridade, hostalaría dos comedores, mantemento ou loxística que traballan para o xigante téxtil propiedade de Amancio Ortega, Inditex, comezan a pensar que están a pagar os números vermellos da multinacional nesta pandemia.

As tres máis importantes son VJMantemento, Grupo Norte e Servilimpsa Samsic. Todas pasaron, ou aínda están, por expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) forzoso, a diferenza do que aconteceu co persoal que pertence a Inditex.

Ningunha destas empresas auxiliares complementou as prestacións que recibiron as súas traballadoras e traballadores, nin en vacacións nin en salarios, e agora continúan coas mudanzas que iniciaron meses atrás e, malia as protestas, manteñen un sistema ideado para a emerxencia sanitaria. 

De traballar por horas a mudar horarios  

Unha das máis importantes polo traballo que realizan é VJMantemento. Como indica o seu nome, é a responsábel de manter en condicións todas as máquinas de Inditex para producir e repartir as prendas de Zara no almacén de Arteixo. A empresa decidiu facer un ERTE a tempo parcial, flexíbel, e o persoal traballa días soltos ou por horas. Definen a súa situación como "estar traballando para unha ETT".

Outra das empresas, o Grupo Norte, está nas mesmas. Dúas persoas por quenda para cubrir almacén e oficinas centrais de Inditex. Son as que teñen baixo control a temperatura e o sistema informático das instalacións.

A outra das auxiliares, Servilimpsa Samsic, encárgase da limpeza e é a empresa con máis traballadoras e traballadores. Neste caso incorporaron a maior parte do seu cadro de persoal por ter que encargarse da hixiene, unha das prioridades normativas para a volta ao traballo en todo o complexo téxtil da multinacional. 

Quendas con pouco persoal e problemas serios de mantemento

O persoal de VJMantemento é consciente de que o seu traballo é esencial para o bo funcionamento de todo o complexo central de Inditex en Arteixo. Por este motivo non tiveron un ERTE como outras empresas. “Seguimos traballando por horas efectivas de traballo e menos xente”, explica a Nós Diario Sergio Escarís, delegado sindical da CIG. Os seus ingresos actuais veñen do SEPE (55%) e da empresa (45%). “Conxeláronos as vacacións”, sinala. No traballo que antes realizaban dez persoas por quenda agora mesmo están tres.

A empresa segue ser querer levantarlles o ERTE malia tentar falar varias veces co seu departamento de recursos humanos. “As máquinas teñen que ter un mantemento constante e preventivo e non se fai”, asegura. Con este método di que quedan pezas para reparar e que "cando se reinicie todo haberá problemas moi serios".

Desmantelando dereitos

"O problema grave é que saimos da pandemia desmantelados de dereitos", asegura dunha maneira gráfica Roberto Pérez da CIG en Zara Loxística, "cargáronse os horarios de conciliación e agora tentarán defender que poden facer o mesmo traballo con menos xente", engade. 

Entre as tres empresas suman ao redor de 250 postos. No caso do persoal de limpeza recuperaron o emprego polas actuais circunstancias mais coa novidade dunha mudanza importante de horas e a imposibilidade de conciliar. "O motivo real é que non queren facer contratación temporal", explica Pérez, "está situación actual só ten unha explicación como medida de aforro que vén directamente de Inditex", di. 

Por estes motivos, e malia que as circunstancias son diferentes en cada unha destas auxiliares, comezan a pensar que se non hai novidades terán que comezar as mobilizacións e non descartan unha folga. "O ERTE que non se asinou nas tendas do Grupo Inditex e no almacén estámolo pagando nós agora con este tipo de medidas", sentencia Pérez en declaracións a Nós Diario.

Comentarios