As auxiliares de Alcoa elevan a presión e inician unha folga indefinida

Os traballadores e traballadoras das empresas auxiliares de Alcoa inician hoxe unha folga indefinida cun dobre obxectivo. Por un lado, incrementar a presión para que das negociacións entre a multinacional e Liberty House saia un acordo de venda e, por outra, denunciar o desprezo por parte da empresa e das administracións.
Vista da factoría de Alcoa en Cervo (Foto: Arxina).
photo_camera Vista da factoría de Alcoa en Cervo (Foto: Arxina).

Hoxe ás 6 da mañá arrinca en Cervo unha folga indefinida dos traballadores e traballadoras das empresas auxiliares da planta de Alcoa en San Cibrao. Unha mobilización coa que buscan, por un lado, incrementar a presión para que a multinacional norteamericana e a empresa británica Liberty House acorden a venda da planta de aluminio primario antes da data límite fixada (28 de setembro) e, por outro, exixir á empresa e ás administracións, nomeadamente Xunta e Estado español, que lles teñan en conta en todo este proceso.

En declaracións a Nós Diario, o portavoz da plataforma de auxiliares de Alcoa, Kike Rocha, sinala que esta folga indefinida  "xa estivera convocada o 21 de xullo, antes de iniciarse o proceso de negociación",  mais deixouse "en stand-by". Agora deciden activala "á vista de que se esgota o tempo de negociación".

Como denuncia, "Alcoa segue sen querer escoitar as auxiliares nin atender os nosos problemas". Pero tamén queren que, ademais de denunciar a postura de Alcoa, esta mobilización sirva para que Xunta e Estado español "poñan da súa parte para forzar a venda e ao mesmo tempo recoñezan as auxiliares". "Por culpa desas tres partes a única medida que nos queda é convocar esta folga e volver á loita na rúa", lamenta Rocha.

Neste senso, explica que intentaron ser escoitados "varias veces, con non poucas peticións, algunhas delas por escrito, á Xunta e Goberno español", pero sen resultado. "En ningún momento responderon", indica o portavoz das auxiliares. 

Pendentes da negociación

Nestas empresas, as que prestan servizo á planta de aluminio primario, traballan na actualidade 510 persoas, ás que habería que sumar o persoal das auxiliares da planta de aluminio, que, segundo Rocha,"non estarían na problemática do fechamento agora mesmo", aínda que se poderían ver afectados se Liberty materializa a súa pretensión de facerse con todo o complexo de San Cibrao e non só coa planta de aluminio primario. "Para nós sería unha mellor solución que esta empresa comprase todo o complexo e non só unha parte", opina o portavoz da plataforma. "O primeiro, en todo caso, é preservar os postos de traballo e as atribucións", engade. 

A respecto do avance das negociacións, Rocha considera que chegar ao domingo a unha situación sen acordo de venda "sería volver ao 3 de agosto coa incerteza de que vai facer Alcoa. Se o día 28 non hai venda, eles poderían presentar ERE ou ERTE, rescindir contratos e parar as cubas", alerta. "Por iso temos que intentar que se venda a planta antes desa data e quedan moi poucos días", advirte.

"As empresas auxiliares somos traballadores directos da factoría e imos loitar polo noso futuro até o último momento do conflito coas mesmas premisas que os compañeiros do comité de Alcoa", asegura Rocha.   

Continuidade con Liberty

No suposto de que prospere a venda da planta de aluminio primario a Liberty, a situación das auxiliares non experimentaría grandes cambios a respecto da situación de partida. Este é o compromiso que adquiriu coa plataforma a firma británica en "pequenas conversas" mantidas entre ambas. 

"Liberty garante a continuidade das traballadoras e traballadores e a vixencia dos contratos que ten Alcoa coas auxiliares. Collería 100% dos contratos que ten agora", explica o portavoz da plataforma. Despois, o futuro viría marcado polas decisións comerciais que decida adoitar a nova propietaria da planta de Cervo. 

Por último, os traballadores e traballadoras das auxiliares informan que desde hoxe, con motivo da folga indefinida que comezaron con un piquete na entrada da factoría, só haberá servizos mínimos. Ademais, aclaran que "o proceso produtivo non se verá afectado por dita folga, e para nada correrán risco as cubas da factoría".

Tamén aproveitan para lembrar que durante as mobilizacións será obrigatorio o uso de máscara e manter a distancia social, e pedir o apoio dos compañeiros de Alcoa e da sociedade da Mariña "en todo o que estea na súa man" para forzar Alcoa a vender e non fechar.

Comentarios