As auxiliares de Alcoa din que xa se están a perder empregos

O persoal das empresas auxiliares de Alcoa en San Cibrao (Cervo) recoñece que o incerto futuro da factoría fai que moitas firmas estén apostando por non renovar contratos.
Reunión de Néstor Rego co comité de Alcoa e das empresas auxiliares (Foto: BNG).
photo_camera Reunión de Néstor Rego co comité de Alcoa e das empresas auxiliares (Foto: BNG).

Dúas vitorias xudiciais conseguiron que a multinacional Alcoa non puidese levar adiante os seus plans para desmantelar a actividade industrial na planta de aluminio primario de San Cibrao (Cervo) e executar un despedimento colectivo que afectaría a 524 persoas.

Porén, a postura de Alcoa, que "maquilla" cunha predisposición a negociar, xa está a pasar factura no emprego na Mariña, posto que moitas das auxiliares, sen actividade na planta e cun futuro incerto por diante, non están a renovar os contratos que van vencendo. 

Así o advirte a plataforma coordinadora das empresas auxiliares de Alcoa San Cibrao, que lembra que case medio cento de traballadores e traballadoras están en situación de ERTE desde o pasado mes de abril pola decisión de Alcoa de suspender os labores de rebrascaxe de cubas, "e a día de hoxe non saben cando volverán ao seu posto de traballo, si é que regresan algún día", apunta nun comunicado.

Nese escrito, o persoal das auxiliares recoñece que a sentenza do TSXG "é un paso positivo e importante para todos, mais non elimina a problemática principal nin obriga a Alcoa á reactivación do 100% da planta", polo que entenden que a folga indefinida debe manterse en vigor.

"Tal e como o comité de Alcoa expuxo, é imprescindíbel que a multinacional sente a negociar de boa fe, reactive a planta e cese nos recortes en investimento, recortes que están a levar a un regueiro de perdas de postos de traballo pouquiño a pouco, tanto na planta de aluminio como na de alúmina", lamenta a plataforma, que insiste en manter os paros "até que os traballadores e as traballadoras volvan ao seu posto de traballo, ou haxa unha garantía de rendemento pleno da factoría".

Reunión con Néstor Rego 

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantivo hoxe unha xuntanza en San Cibrao (Cervo) coa representación do comité de empresa de Alcoa e das empresas auxiliares.

No transcurso da mesma, Rego celebrou a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza mais insistiu en que "non é a solución definitiva", que terá que vir do Goberno do Estado e do Goberno galego "pola vía desa intervención que continua sendo absolutamente necesaria".

O deputado nacionalista afirmou que o BNG seguirá traballando nesa liña e reclamando que Alcoa reactive toda a produción para garantir que non se perdan máis postos de traballo. Neste senso, mostrou o seu apoio á folga e cualificou de "chave" a presión laboral e social que existe na Mariña, que o BNG, dixo, vai acompañar con "presión política".

Comentarios