As autoridades queren agora atopar "responsabilidades penais" pola folga do lixo en Lugo

A Guardia Civil entrou no concello en busca de documentación a instancias dun xulgado local, namentres continúa unha dura campaña mediática contra @s folguistas que mantiveron case dous meses de mobilización.

En medio dunha insistente campaña mediática de criminalización aos sindicatos que lanzaron o desafío e conseguiron defender os dereitos do persoal, o Xulgado de Instrución número 3 de Lugo, do que é titular Estela San José, abriu dilixencias para tratar de determinar se se produciu algún delito durante a folga do lixo da cidade, que se prolongou durante case dous meses e á que puxo punto e final este xoves, con resultado favorábel para o cadro de traballadores e traballadoras.

Segundo informaron a Europa Press fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o xulgado ten abertas dilixencias por un posíbel delito relativo ao artigo 328.3 do Código Penal, aínda que non hai ninguén imputado. Este artigo indica que serán castigados os que, "na recollida, o transporte, a valorización, a eliminación ou o aproveitamento de residuos", poñan "en grave perigo a vida, integridade ou a saúde das persoas, ou a calidade do aire, do chan ou das augas, ou a animais ou plantas".

Segundo apuntaron fontes do Concello de Lugo, efectivos da Garda Civil compareceron na casa do concello para reclamar documentación sobre as actuacións realizadas polo concello durante a folga de lixos. Polo momento non transcenderon outras dilixencias que se poden estar a practicar.

Comentarios