Autónomos e pemes poderán aprazar o pago dos tributos

O Consello de Ministros, que se desenvolveu durante a xornada de onte, aprobou un Real Decreto-Lei que amplía até o mes de maio os prazos de presentación e pago de declaracións e autoliquidacións de impostos para pemes e autónomos que habitualmente se fan no mes de abril.

A ministra María Jesús Montero, onte, na rolda de prensa telemática após o Consello de Ministras.
photo_camera A ministra María Jesús Montero, onte, na rolda de prensa telemática após o Consello de Ministras. (Foto: Nós Diario).

O Consello de Ministros, que se desenvolveu durante a xornada de onte, aprobou un Real Decreto-Lei que amplía até o mes de maio os prazos de presentación e pago de declaracións e autoliquidacións de impostos para pemes e autónomos que habitualmente se fan no mes de abril.

A norma estabelece que quen teña unha facturación de até 600.000 euros poderán aprazar ao 20 de maio a presentación da declaración trimestral do IVE e o pago fraccionado do Imposto sobre Sociedades, así como do IRPF. 

No caso de declaracións domiciliadas, o prazo amplíase tamén un mes e pasa do 15 de abril ao 15 de maio. Con independencia do momento da presentación, todos os cargos realizaranse o 20 de maio, e iso tamén inclúe as declaracións presentadas antes do 15 deste mes.

A portavoz do Goberno, María Jesús Montero, afirmou que esta medida "facilitará o respecto das obrigacións tributarias á vez que permitirá inxectar liquidez no conxunto das empresas", concretamente até 3.558 millóns de euros. 

Montero calculou que poden beneficiarse arredor de 3,4 millóns de contribuíntes, o que supón 95% do total de pemes e autónomos que, á súa vez, compoñen a maior parte do tecido produtivo do Estado español.

Préstamo millonario á Seguridade Social

O Goberno central tamén fixo público a aprobación da concesión dun préstamo de 13.830 millóns de euros á Tesourería Xeral da Seguridade Social para "garantir o pago das pensións" nun momento de aumento do gasto polas medidas extraordinarias para paliar os efectos da epidemia de coronavirus.

Con este préstamo "asegúrase" o pago puntual das pensións", afirmou Montero, a portavoz do Executivo. 

Comentarios