As autónomas rexeitan as cotas sobre os ingresos medios por non saber o que van "facturar nin o día seguinte"

ATA Galiza descarta o modelo de cotización proposto polo Goberno español por non estar negociado e por non ser nin equitativo nin xusto.
O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, antes de participar nunha rolda de prensa. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).
photo_camera O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, antes dunha rolda de prensa. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).

O Goberno español volvía sorprender esta semana cunha nova medida encamiñada a equilibrar as contas da Seguridade Social e a facilitar a cotización dos traballadores e das traballadoras autónomas en función dos seus ingresos reais.

O novo sistema proposto polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións contempla unha cota de entre 90 e 1.220 euros ao mes cun prazo de implantación de 9 anos, segundo recolle o último borrador enviado polo Goberno estatal aos axentes sociais.

Porén, o presidente da Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) Galiza, Rafael Granados, confesou acoller con "sorpresa" esta medida, e lamentou que se estean a tomar medidas sobre as bases de cotización dos traballadores e traballadoras autónomas "sen contar con elas" na mesa do diálogo social.

Segundo indicou a Nós Diario, o presidente de ATA Galiza considera que o sistema proposto "non é equitativo nin xusto". Por iso propón sentar a negociar para ver como aplicar esa mellora dos ingresos reais "pero dunha maneira moito máis equilibrada".

E é que, como denuncia, pode darse o caso dun autónomo cuns ingresos netos de 3.000 euros ao mes que teña que pagar 2.400 euros á Seguridade Social. "Consideramos que iso é traballar para a Seguridade Social", apunta Granados.

Tamén sinala que nos rangos máis altos, unha persoa cuns ingresos anuais de 49.000 euros terá que pagar 1.200 euros en cotas, mais se baixa a súa facturación en 5.000 euros só pagará a metade, "e iso é inxusto".

Sen pagar de máis

Sobre a afectación, entende que "todos e todas van saír prexudicados". Neste senso, insiste en sinalar que non se pode fixar a cotización en función dos ingresos medios xa que "non sabemos o que imos facturar nin o día seguinte nin o mes seguinte nin o ano que vén", e pon como exemplo o ano 2020, no que a facturación caeu notabelmente respecto do ano anterior. "Se tomamos o ingreso medio de 2019 como referencia estariamos a pagar á Seguridade Social por uns ingresos que non temos".

En troques, desde ATA Galiza suxiren unha serie de medidas que serían máis beneficiosas, como a baixada da cotización para os traballadores e traballadoras autónomos que non cheguen ao salario mínimo interprofesional, "incluso cunha tarifa plana". Incrementos da base a medida que se aumente a facturación, "cun sistema equilibrado no que os que máis teñan, máis paguen, pero que non sexa unha imposición. Que nós, dentro duns rangos, poidamos cotizar un mínimo e un máximo, que é como está agora".

A vindeira segunda feira está prevista unha reunión da mesa do emprego autónomo na que ATA vai presentar ao Ministerio que dirixe José Luis Escrivá a súa queixa por como se levaron a cabo os rangos nos que se teñen estabelecido as diferentes bases de cotización. Nese mesmo marco tamén pedirán unha negociación técnica de como pode afectar esta suba aos distintos tipos de autónomos (persoa física, societario, por módulos etc.), xa que non afecta a todas por igual.

Comentarios