As autónomas galegas dan por perdido o ano e temen unha lenta recuperación

As autónomas cren que a xente tardará aínda un tempo en volver a determinados negocios por medo á COVID-19.
Estabelecementos fechados polo coronavirus (Arxina).
photo_camera Estabelecementos fechados polo coronavirus (Arxina).

Máis de 200.000 autónomas galegas agardaban a que o Goberno español aprobase a moratoria do pago das súas cotizacións, tal e como fixo onte por seis meses. Mais trátase só dunha axuda, xa que este colectivo ten moitos máis problemas e preocupacións, se ben todas coinciden en que non tiña sentido pagar mentres os seus negocios permanecen fechados e sen reportarlles ningún diñeiro, senón todo o contrario. 

Algúns destes estabelecementos levan fechados desde que se decretou o estado de alarma, pero outros, como a ferraxaría de Marcelino Villarino en Foz non puideron parar até tempo despois, en parte pola diferenza de criterios da Xunta e do Goberno español. Como explica a Nós Diario, o decreto aprobado polo Goberno de Madrid incluía as ferraxarías na lista de comercios que deberían fechar, pero a Xunta, non obstante, consideraba que se trataba dun negocio esencial. Isto impediu que puidese tramitar a baixa. Por sorte, puido chegar a un acordo coa súa empregada para sufragar parte da súa baixa, e non ten que pagar alugueiro, o que tamén alivia a súa factura final.

Marcelino traballa nunha vila turística. De feito recoñece que a súa actividade se viu alterada após a chegada de "ducias de madrileños" a comezos de marzo. Tamén cre que no verán "vaise notar" moito a súa ausencia, xa que pensa que a xente "vai andar con medo".

O mesmo pensa Jorge Espasandín, que rexenta un negocio de hostalaría no centro da Coruña. "O problema non é o agora, senón como vai ser o despois. A xente vai estar asustada para ir aos sitios, sobre todo as persoas maiores", afirma. No seu sector, o gasto de autónomos e o do persoal son só unha parte dos que ten que asumir. Tamén está o consumo de luz para manter prendidas as neveiras e que non se bote a perder a mercadoría. "Sacando o alcohol, todo ten unha caducidade e imos ter que tirar con moitas cousas". Na súa opinión, coa Semana Santa tamén afectada polo feche, "o ano está perdido, pode que avancemos, pero hai que ir xa pensando en pasar páxina". 

E é que o turismo constitúe unha importante fonte de ingresos para moitos dos negocios rexentados por autónomas. Óscar Santalla ten unha tenda de alugueiro de bicicletas eléctricas moi preto do porto de transatlánticos da cidade herculina. 

As pasaxeiras dos cruceiros representan unha parte importante das súas clientas e até xuño non hai previsión de que vaian producirse novas escalas. De momento xa perdeu máis dun cento de reservas, algunhas pagadas por adiantado que tivo que reembolsar. Como explica a este medio, a súa mellor época de negocio é de abril a outubro, coincidindo tamén coa tempada alta dos cruceiros. De momento hai canceladas 16 escalas e el segue a darlle voltas a como facer fronte aos gastos de alugueiro do negocio e aos empréstitos que solicitou para pór en marcha a actividade. 

"Vannos espremer ao máximo", denuncia o empresario, quen lembra que se non paga a cota de autónomos exponse a sancións de até 65%. Pero non perde a esperanza. Confía en que finalmente cheguen  as axudas e "polo menos poida pagar o alugueiro". Outra cosa son os gastos da casa e manter ás crianzas. Palabras maiores.

Comentarios